O multiusos de Frades acolle charlas gratuítas sobre eficiencia enerxética no fogar e normas de circulación para os peóns
O Concello de Frades organiza dúas charlas formativas gratuítas sobre eficiencia enerxética no fogar e sobre normas de circulación para os peóns que terán lugar mañá martes 26 de novembro, entre as 15:30 e as 18:00 horas, no multiusos de Frades. Dúas iniciativas de asistencia libre e de balde.
A primeira das charlas, “Eficiencia enerxética e lectura de factura”, terá lugar entre as 15:30 e as 17:00 horas. A charla busca ensinar aos asistentes a interpretar e entender os diferentes conceptos que figuran nunha factura eléctrica e elaborar unha guía práctica de eficiencia enerxética nos seus fogares. Ademais de explicar os puntos clave que aparecen nas facturas eléctricas (potencia contratada, enerxía consumida, modo de facturación, etc), analizaranse casos particulares de algún dos veciños para amosar como interpretalas correctamente. Una iniciativa organizada polo Concello de Frades, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa de Frades.
Normas para peóns
Ás 17:00 horas, membros da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria impartirán unha charla titulada “Normas de circulación para peóns”. Trátase dunha acción de concienciación cidadá coa que o Concello de Frades busca ofrecer unha serie de concellos que permitan reducir ao máximo o número de atropelos, sobre todo polas noites. Por iso, todos os asistentes recibirán chalecos reflectantes para a súa seguridade e recibirán explicacións do por que é tan importante levalos nos desprazamentos pola noite con casos prácticos.
Un exemplo: pola noite un condutor pode distinguir aos peóns a unha distancia máxima de 20 metros. Se o vehículo circula a 70 kms/hora, a distancia de freado é de 56 metros, polo que o condutor non daría freado a tempo de evitar un atropelo. Sen embargo, esa mesma persoa cun chaleco reflectante será vista a unha distancia de 150 metros, o que incrementa a seguridade tanto do peón como do condutor.











