O mosteiro de San Xusto de Toxosoutos acolle un obradoiro sobre restauración e un concerto de música antiga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O mosteiro de San Xusto de Toxosoutos (Lousame) acollerá na tarde deste sábado 30 de novembro un obradoiro para familias sobre restauración e un concerto acústico de música antiga da man de Grupo 1.500. Dúas actividades incluídas no ciclo “Monumenta: difusión do patrimonio restaurado”, un programa de dinamización artística posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en espazos de interese patrimonial recentemente restaurados, como o caso do mosteiro de San Xusto. Unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello de Lousame e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

A iniciativa comezará ás 16:30 horas cuns obradoiros para familias sobre restauración: pintura, retablos e cubertas. Unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de 4 anos en adiante, que poden vir acompañados polos seus pais. Ademais de coñecer o conxunto das intervencións acometidas recentemente no conxunto do mosteiro, esta tarde será unha oportunidade para o encontro coas veciñas e veciños do lugar, para achegarse, da boca deles, á memoria das vivencias recentes destes muros. Unha iniciativa que busca que os asistentes poñan en valor un patrimonio que, como está presente de sempre, pode pasar desapercibido.

Fundado en 1131, o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos foi un dos catorce mosteiros cistercienses máis importantes de Galicia ata o seu abandono no século XIX. O claustro foi vendido a un nobre que o colocou no seu pazo da Pena de Ouro, en Noia. Consérvase o seu muíño e a casa reitoral, que foron rehabilitados. A igrexa é un exemplo de sinxelo barroco rural e ao seu lado sur ficaba, ata os primeiros anos do século XX, parte dun claustro románico do século XIII. Ademais, está situado nunha impresionante contorna natural, a carón dunha fermosa fervenza.

Concerto de música

Despois, a iso das 17:30 horas, o grupo 1.500 ofrecerá un concerto acústico de música antiga. O repertorio do grupo dirixido por Andrés Díaz abrangue dende a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media, ata a música do Renacemento e primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500, que da nome ao grupo. Nas súas interpretacións, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual, empregando un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas.

Os veciños e veciñas interesados en participar nesta iniciativa ou en conseguir máis información poden dirixirse á Casa da Cultura de Lousame ou chamar ao teléfono 981 82 57 80. A Xunta de Galicia está a desenvolver o programa “Monumenta: difusión do patrimonio restaurado” en dez localidades galegas nas que se realizaron recentemente restauracións de interese artística e arquitectónica. Lousame é o único municipio participante das comarcas do Barbanza e Santiago.

27 de novembro de 2013 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.