O Mecalia empeza o seu maratón
Hoxe, día 1 ás 06:30 da mañá, saía o autobús coa expedición do Mecalia para chegar a Elche esta tarde sobre as oito, onde mañá. 2 de novembro, ás 20:00 enfróntase o Elche Mustang, situado na táboa en cuarto lugar a igualdade de puntos co segundo e terceiro e a soamente dous da cabeza.
O equipo ilicitano vénse mostrando un conxunto extremadamente sólido, despois de gañar 5 dos 6 encontros disputados, con autoridade, pero confiamos que o Mecalia confirme na pista de Carrús que o segundo tempo xogado en León ten continuidade e o equipo recuperou sensacións e será capaz de facerlle fronte con solvencia e con posibilidades de obter algo positivo.
O guardés viaxa con todos os seus efectivos, aínda que é dubidosa a participación de Alesia Kurchankova, que aínda non está a pleno rendemento tras recuperarse da súa lesión.
O mércores día 6, partido da 8ª xornada adiantado contra Rocasa Ace Gran Canaria, na Sangriña
Outro dos equipos de elite desta tempada, segundo clasificado e cuns excelentes números, que de seguro traerá ben aprendida a lección e intentará non se deixar sorprender na Sangriña, como sucedeu a pasada tempada. Novamente fará falta que o noso equipo xogue ao seu mellor nivel, e con todo o apoio da afección para intentar obter os dous puntos.
O venres día 8, novamente en marcha, esta vez espérano ao equipo unhas cantas horas de voo ata Moscú, onde o domingo 10 se enfrontará en partido da Recopa Europea ao Zevna de Zvenigorod, cidade da área de Moscú.
Compromiso cheo de interrogantes xa que o pouco que sabemos do Zevna esta tempada non invita ao optimismo.
O que se é seguro, é o palizón de viaxe, ao regreso do cal toca preparar o partido de volta, que se celebrará na Sangriña o próximo domingo 17.
O mércores 20, novamente en camiño ata Barakaldo, para enfrontarse ao Zuazo nesa localidade ás 20:15 e regreso inmediato. Outro compromiso delicado, contra un equipo que pode ser moi competitivo e onde milita a que foi porteira do Mecalia a pasada tempada, María Esteban.
O sábado 23 ás 19:00 na Sangriña, derby rexional. Todo un MECALIA- PORRIÑO, con maiúsculas.
Ocasión para que a afección bote o resto e leve o equipo a lograr unha vitoria que ademais dos dous puntos supoñería unha inxección de moral.
Como pode apreciarse un verdadeiro maratón para este mes de novembro. Menos mal que a continuación chega o parón ligueiro e non volverá haber competición ata o 11 de xaneiro de 2014.











