O lugar de Cabanelas, no Carballiño, ten todo preparado para a XVI Festa do Viño Novo
O alcalde de O Carballiño presentou a XVI edición da Festa do Viño Novo, nunha das adegas participantes da localidade de Cabanelas, en concreto na adega de Delfin Borrajo, animando a “todos os que aínda non coñecen esta festa, e este viño, a que veñan a gozar dun dos mellores tintos do ribeiro”.
O próximo 24 de novembro terá lugar unha nova edición desta festa, na que os asistentes poderán degustar os novos viños do ribeiro carballiñés, ao tempo que comparten unha xornada nun dos cantos máis fermosos do municipio. Un dos responsables desta festa, Delfin Borrajo, sinalaba que “este ano a produción foi algo menor, pero mantemos a calidade do viño”. Un caldo que ten grandes admiradores, que o consideran como dos mellores viños para maridar coa concina outonal galega, os cocidos, e outros guisos propios destas épocas do ano.
Todos os interesados en asistir a esta festa, na que se servirán uns 500 litros da nova colleita de Cabanelas, poderán reservar a súa praza chamando ao teléfono 699976630. A festa comezará ás 12:00 horas, coa degustación do viño novo con castañas. Ás 14:00 horas terá lugar a comida cun menú composto de polbo, carne ou caldeiro, chourizos con cachelos, castañas asadas e, como non, viño novo.
A festa continuará pola tarde, ofrecendo aos asistentes unha merenda, a partir das 18.30, onde tampouco faltará o viño de Cabanelas.











