O Jofre acollerá a escenificación da Ópera de Verdi “La Traviata”
A compañía Opera 2001 subirase ao escenario do Teatro Jofre o vindeiro luns, día 18, ás 20:30 horas para ofrecer La Traviata, ópera en tres actos de Giuseppe Verdi e libreto de Francesco Maria Piave. A actuación forma parte da nova tempada escénica, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, e as entradas pódense adquirir de maneira anticipada no despacho do teatro municipal ou a través de Internet, na páxina www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
Esta versión orixinal en italiano con sobretítulos en español conta coa dirección musical de Martin Mázik e a artística de Luis Miguel Lainz. O texto fundaméntase na adaptación teatral da novela de Alexandre Dumas La dama de las camelias. Violeta é unha das heroínas máis populares de todo o repertorio lírico. La Traviata é un dos poucos exemplos de obras líricas directamente sacadas dunha obra contemporánea e, dende ese punto de vista, non é raro que esta ópera prefigure os dramas da escola realista. Independentemente do tema, a partitura cóntase entre as que mostras ao mellor Verdi: a eficacia dramática da música vai acompañada de novidades, sorprendentes no plano armónico, melódico ou rítmico, exhibindo o compositor unha ciencia completamente nova.











