O itinerario de inserción laboral “actividades auxiliares de almacén” conta con 15 desempregados participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, vén de visitar o novo itinerario de inserción laboral “Actividades auxiliares de almacén” que deu comezo a pasada semana no Centro Municipal de Emprego. Un total de 15 persoas desempregadas -10 homes e 5 mulleres- participarán nesta acción formativa, enmarcada no proxecto “Ferrol punto de Emprego II”, ata o vindeiro mes de xaneiro de 2014.

O curso terá unha duración total de 280 horas e contempla diferentes módulos: de formación específica (170 horas), de práctica profesional titorizada en empresas (90 horas), de formación transversal e complementaria (20 horas) e titorías individuais e grupais durante todo o itinerario. O obxectivo deste itinerario formativo é capacitar para a realización de operacións auxiliares de almacén, recepción, ubicación básica, preparación e expedición de cargas e descargas, de forma coordinada ou en equipo, baixo a supervisión dun responsable, seguindo as instrucións recibidas, e aplicando os procedementos e equipos adecuados, en condicións de produtividade e respectando a normativa de seguridade, saúde e prevención de riscos.

O proxecto “Ferrol punto de emprego II”, posto en marcha pola Administración Local, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) e ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

11 de novembro de 2013 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.