O goberno vilagarcián propón bonificar o 5% do IBI ás familias con baixos recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local plantea dúas novas medidas para axudar ás familias con menos recursos económicos a facer fronte ao pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que tras a revisión catastral verase incrementado a partir de 2014 e nos vindeiros 10 años. A proposta do goberno é a de bonificar o 5% da cota do recibo ás familias con baixos ingresos e ampliar o fraccionamento de pago en prazos fixados polo propio contribuínte.

Estas dúas medidas foron expostas polo concelleiro de Facenda, José Manuel Pardal, na reunión que mantivo esta mañá co representante da Plataforma contra a subida do IBI, José Luis Lorenzo Martiñán. Na xuntanza, que tivo unha duración dunhas dúas horas, intercambiáronse opinións sobre a repercusión que terá o incremento do IBI para cidadáns e Concello, xa que se trata do principal ingreso que teñen as administracións que tamén están a atravesar un mal momento económico. En función destes criterios, cada parte expuxo as súas propostas para reducir o impacto da subida do IBI nas economías familiares.

Ante a inviabilidade de anular a subida que ven establecida dende a administración estatal como consecuencia da revisión dos valores catastrais que levaban anos sen ser actualizados, o goberno de Vilagarcía opta por habilitar mecanismos que beneficien as familias máis necesitadas. Neste marco proponse a redución do 5% da cota do IBI ás unidades familiares con ingresos máximos que non superen a suma do salario mínimo interprofesional máis 100 euros por cada membro da familia, exceptuando ao perceptor do salario. Así, si unha familia conta de catro persoas, das cales so unha ten un salario e este non supera o mínimo interprofesional, a cantidade que non se podería superar para poder beneficiarse da bonificación sería a suma do devandito salario máis os 300 euros correspondentes aos outros tres membros da familia. A única condición que deben cumprir os demandantes que se encontren no suposto de ser beneficiarios é que ten que ter o recibo domiciliado xa que as bonificacións aplícanse por domiciliación.

A segunda das medidas que propón o goberno local para facilitar aos contribuíntes facer fronte ao IBI é o fraccionamento do pago nos prazos que o propio interesado fixe. Trátase dunha medida xeneralizada, que poderá solicitar calquera contribuínte sen condición económica algunha e co obxectivo de que poidan acomodar os pagos as súas propias necesidades. Os únicos requisitos a cumprir para beneficiarse da medida é que a solicitude de aprazamento debe realizarse durante o período de pago voluntario e que a cota íntegra do recibo ten que quedar completamente abonada ao remate do exercicio contable, é dicir a 31 de decembro dese ano.

20 de novembro de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.