O goberno vilagarcián asumirá en 2014 a subida do canon de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os veciños de Vilagarcía non notarán en 2014 a subida no recibo do lixo polo incremento do canon de Sogama, xa que o goberno local decidiu que o Concello asumirá os 296.632 euros anuais que supón a medida imposta dende a administración autonómica. A decisión adoptouse despois de comprobar que as arcas municipais están o suficientemente saneadas como para facer fronte a este gasto non previsto, e co obxectivo de dar un respiro ás economías domésticas que o ano que ven terán que asumir tamén a subida do IBI correspondente á revisión de valores catastral realizada pola administración estatal.

O goberno de Tomás Fole acordou onte financiar con fondos municipais o incremento do canon de Sogama tras completarse a análise económica da súa repercusión e de comprobar a situación e alternativas que se debuxan nos orzamentos municipais para o ano 2014. En vista dos resultados favorables das contas e sendo conscientes da complicada situación económica que atravesan moitas familias da cidade, o executivo local decidiu non repercutir a subida na cidadanía para descargar un pouco a presión fiscal que soportan as familias.

A medida é posible polos bos resultados que están dando as políticas económicas implantadas polo goberno de Fole dende que asumiu a xestión de Ravella hai dous anos. O realismo na xestión, a austeridade, o aforro e o control do gasto, sumados as demais iniciativas incluídas no Plan de Saneamento e á actualización das taxas municipais que levaban varios anos conxeladas e producindo un desaxuste económico importante, empezaron este ano a dar os seus froitos. Este cambio positivo no panorama económico do Concello permite en 2014, dispor de fondos para afrontar directamente a subida de Sogama e mesmo para elaborar un Plan de Investimentos.

Realismo

Non obstante, o goberno apela ao realismo, advertindo que esta absorción do incremento do canon de Sogama por parte do Concello plantéase para 2014 como medida excepcional por tratarse de unha subida non esperada e e coincidir coa do IBI. Aínda que se está e disposición de asumir o pago dos 300.000 euros, para o Concello isto supón un importante esforzo e limita a acción municipal noutros eidos nos que se poderían aplicar eses fondos, ben a través de obras e investimentos, melloras en colexios, a servizos sociais ou a mellora de servizos.

21 de novembro de 2013 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.