o goberno local da Laracha propón destinar o remanente de tesourería a reducción do 75% da débeda viva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

A Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas, que está presidida polo edil Ramiro Bello, reuniuse hoxe para analizar a proposta do goberno local de aplicar o expediente de modificación de crédito no orzamento xeral municipal en vigor que permitiría destinar á amortización da débeda o remanente líquido de tesourería para gastos xerais derivado da liquidación do presuposto do ano pasado. Esta cuestión será elevada á sesión extraordinaria do Pleno da Corporación municipal que se vai celebrar mañá venres a partir das 13.30 horas.

O artigo 32 da Lei orgánica de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira obriga aos Concellos a reducir o seu endebedamento neto no caso de existir superávit na liquidación do presuposto, tal e como é o caso do Concello da Laracha. O cumprimento deste mandato implica tanto a modificación do estado da débeda aprobado cos orzamentos xerais do ano 2013 como a corrección dos propios estados de gastos e ingresos por medio do correspondente expediente de suplemento de crédito.

Por tanto, o goberno local propón á Corporación a aprobación do suplemento de crédito na aplicación orzamentaria na que se consignou o crédito necesario para facer fronte ás amortizacións ordinarias como a única posibilidade para destinar o remanente axustándose á lexislación vixente.

Como datos concretos, o Concello da Laracha conta actualmente cunha débeda viva con entidades financeiras que se sitúa en 1.277.591,62 euros derivada de operacións de préstamo ás que se acudiu para financiar diversas actuacións de investimento no termo municipal. Entre as máis importantes e recentes cabe salientar, por exemplo, a construción do novo edificio administrativo.

Por outra parte, o remanente líquido de tesourería para gastos xerais do exercicio 2012 alcanzou os 960.742,84 euros que, no caso de alcanzarse o acordo plenario, serían empregados integramente na amortización dos préstamos máis gravosos para o Concello. Por tanto, a débeda viva pasaría a ser duns 317.000 euros, reducíndose en preto do 75% con respecto á cifra actual.

7 de novembro de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.