O goberno ferrolán incrementa nun 15% as axudas ás familias nos orzamentos de 2014
O Goberno Municipal de Ferrol incrementa nun 15% as partidas económicas dirixidas a axudas directas a familias na súa proposta orzamentaria de 2014, en comparación co exercicio económico en vigor. Así, a consignación de gasto na Concellería de Benestar Social para as Axudas de Emerxencias, Comedores Escolares e Axudas á Escolarización, Agasallos do Nadal e Becas de Escolas Infantís ascenden, en números redondos, a un total de 756.000 euros. Esta reserva de diñeiro para axudas directas á familia responde ao compromiso do Executivo Local que preside Jose Manuel Rey Varela de blindar o gasto e as políticas sociais, unha medida que se vén poñendo de manifesto dende o principio do mandato co paulatino incremento deste concepto en cada un dos tres presupostos elaborados até a data polo actual Goberno de Ferrol.
Así as cousas, a Concellería de Benestar contará a vindeira anualidade con 285.000 euros para Axudas de Emerxencias –fronte os 200.000 do presente exercicio, que xa supuxeron un incremento do 65% con respecto ao ano 2012-. A través destas axudas, o Concello de Ferrol abona pagos de aluguer, luz, gas, medicamentos, comida, mobiliario, electrodomésticos…, e outras necesidades básicas ás familias do municipio con menos recursos económicos e con maior risco de vulnerabilidade social. Neste sentido, cómpre recordar que, por iniciativa do Goberno Municipal, cambiáronse as bases que regula a concesión destas achegas de emerxencia para que compute como gasto o pago da vivenda –hipoteca ou aluguer-, de tal xeito que un maior número de persoas están en disposición de acceder ás mesmas. A día de hoxe –a falta de algo máis de mes e medio para concluír o ano- o Concello de Ferrol leva concedidas 702 axudas de emerxencia, cun gasto total de 218.167,55 euros. Ao respecto, cómpre indicar que en todo o exercicio 2012 o número de axudas de emerxencia outorgadas foi de 575, cun gasto de 117.478,88 euros.
Outra subida significativa en canto a axudas directas ás familias afecta ás becas de comedor escolar e de axuda á escolarización, para as que se consignan nas contas de 2014 un total de 331.000 euros -266.000 euros para as axudas de comedor e 65.000 euros para becas de escolarización-. Ademais, nestas bolsas non hai teito de gasto nin listas de espera polo que todas aquelas familias que cumpran cos requisitos e soliciten calquera destas dúas achegas a recibirán. Dende que comezou o presente mandato, o número de beneficiarios das becas de comedor escolar e das axudas á escolarización incrementouse en máis dun 50%, debido ao aumento da partida económica para estas materias e ao cambio do regulamento de tal xeito que poden recibir estas becas calquera neno/a empadroado no municipio con independencia de que curse estudos nun colexio público ou concertado da cidade. A día de hoxe, un total de 391 menores que estudan en centros educativos de Ferrol almorzan e comen gratis nos comedores –cifra que seguramente se incrementará cando remate o ano-, fronte aos 235 do curso 2010-2011. Así mesmo, o número actualizado de axudas outorgadas para a compra de material escolar no que levamos de 2013 ascende a un total de 771 –dato que tamén será maior a 31 de decembro-, o que supoñen 197 axudas máis que en todo o curso escolar 2010-2011.
Un último aspecto en que facer fincapé canto a achegas directas ás familias, salienta a subida de 32.600 euros no exercicio en curso aos 40.000 euros para 2014 das axudas de Agasallos do Nadal, que o ano pasado recibiron 652 familias e das que actualmente poderanse beneficiar un maior número de demandantes debido a que se amplía a franxa de idade, dende os 0-1 ano até aqueles menores que non teñan cumpridos os 13 anos a día 6 de xaneiro de 2014. Nesta mesma liña de ampliar o número de posibles destinatarios das achegas, Benestar tamén aumenta unha nova franxa de idade para as Becas de Escolas Infantís engadindo a franxa de 1-2 anos á de 0-1 ano. O Goberno Municipal volve reservar unha partida económica de 100.000 euros para este programa de Escolas Infantís que se enmarca no Plan de Oportunidades posto en marcha polo Executivo de Rey Varela.
Maiores, dependentes e convenios.
O mantemento dos servizos e programas dirixidos a persoas maiores e dependentes é outro dos eixes do Presuposto do Concello de Ferrol para o vindeiro ano en materia de Benestar Social. De feito, destínanse algo máis de 2,3 millóns de euros para dependencia, o que permitirá que Ferrol siga sendo unha das cidades galegas que máis horas cubre de atención á dependencia.
No que atinxe ao programas para as Persoas Maiores, salienta no documento económico de 2014 o notable incremento da cantidade consignada para Comedores Sénior, que pasa dos 85.000 euros deste ano a 166.560 euros debido á ampliación deste servizo coa apertura de dous novos centros en Esteiro e San Pablo – Catabois.
Por último, no orzamento de 2014 o Goberno Municipal mantén a liña de convenios nominativos con entidades sociais da cidade de xeito que non baixa ningún deles con respecto ao exercicio en curso. De feito, aumentan de forma importante algúns como Cáritas –que pasa de 15.000 a 35.000 euros-; Teima –que sube de 10.000 a 35.000 euros-, e Cogami –que frente os 2.000 euros que percibiu en 2013, a vindeira anualidade disporá de 9.000 euros-. No caso de Teima e Cogami, Benestar incrementa a colaboración centrándose en programas de formación e integración laboral. Ademais, a Cociña Económica seguirá contando con 75.000 euros de fondos municipais para prestar o seu servizo.











