O goberno ferrolán aproba o proxecto de execución do centro cívico de Canido
O Executivo municipal de Ferrol deu hoxe un paso máis para cumprir cunha demanda histórica dos veciños/as de Canido: dotar a este barrio dun Centro Cívico, para Persoas Maiores e de Atención Infantil. Así, Jose Manuel Rey Varela e o seu equipo de goberno aprobaron esta mañá en Xunta de Goberno Local o proxecto básico e de execución desta infraestrutura, redactado polo estudo Iglesias Veiga Arquitectos S.LP, para cuxa construción o Goberno ferrolá ten reservada unha partida económica de 1.058.731,95 euros (21% do IVE incluído) do programa Urban.
O Centro Cívico e de Atención a Persoas Maiores e á Infancia de Canido é un compromiso asumido por Jose Manuel Rey Varela no seu proxecto de cidade “Ferrol 2020”, e reiterado posteriormente nos encontros de traballos mantidos coa entidade veciñal do barrio dentro do Plan de Barrios. O equipamento, que mellorará os servizos de carácter dotacional de Canido, emprazarase nunha parcela situada na rúa Poeta Pérez Parallé. O inmoble funcionará como centro cívico, centro de día para persoas maiores e punto de atención á infancia, tal e como demandaban a veciñanza do barrio.
Segundo se recolle no proxecto básico de execución, o centro ocupará unha superficie total construída de 1.160,15 metros cadrados. O inmoble disporá de:
– Unha sala de uso público de 108,85 metros cadrados.
– Catro salas polivalentes de diferentes dimensións: dende os 88,35 metros cadrados a máis grande até os 60,60 metros cadrados a máis reducida.
– Unha sala de lectura de 48,20 metros cadrados.
– Dúas salas de estar de 26,60 t de 15,10 metros cadrados cada unha delas.
– Tres aulas de informática e de memoria de 53,90 metros cadrados a maior e de 30,60 a máis pequena.
– Ludoteca de 58,35 metros cadrados.
– Cinco aseos, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida.
– Galería mirador de 32 metros cadrados.
– Porches interiores de acceso e exteriores.
– Patio interior de 234,55 metros cadrados.
– Vestíbulo de acceso e diversos almacéns











