O goberno de Negreira impulsará a innovación e as novas tecnoloxías nun viveiro municipal de empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a firma do convenio de colaboración coa Cámara de Comercio e a Fundación Incyde, para a posta en marcha dun viveiro de empresas onde a innovación e as novas tecnoloxías xogarán un papel destacado. Na sesión de hoxe tamén se acordou sacar a concurso a adquisición dun vehículo de bombeiros para rescate en altura, así como rexeitar as alegacións presentadas pola Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penais (SIEP) e seguir adiante co proceso de recuperación da parcela municipal cedida ao Estado en 1925 para a construción da antiga prisión provincial.

EMPREGO

A firma do convenio que se aprobou hoxe na Xunta de Goberno ten como obxectivo a colaboración entre o Concello, a Cámara de Comercio e a Fundación Incyde para a creación dun viveiro de empresas nun local municipal situado no Bulevar do Papagayo, que contribúa ao impulso da innovación e dos proxectos baseado nas novas tecnoloxías.

O importe total do proxecto ascende a un millón de euros, dos cales o 80% (800.000 euros) correrán a cargo dos fondos europeos FEDER e o 20% restante (200.000 euros) serán financiados con recursos municipais.

O Concello encargarase da execución das obras, así como a administración e xestión do viveiro de empresas desde o momento da posta en funcionamento do mesmo. O viveiro porase en marcha por fases, coa finalidade de ocupar -unha vez completado todo o proceso- un espazo de 2.000 metros cadrados.

ANTIGA PRISIÓN PROVINCIAL

O Goberno local continúa adiante co proceso de recuperación da parcela municipal cedida ao Estado en 1925 para a construción da antiga prisión provincial. Tras acordar o pasado mes de outubro iniciar o expediente de reversión dos terreos, na sesión desta mañá acordouse desestimar as alegacións presentadas pola Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penais (SIEP).

O Concello mantén aberta a súa liña de diálogo coa Dirección Xeral de Institucións Penitencias do Ministerio do Interior e coa Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penais, porque a intención é formalizar un novo marco de actuación que dea solución á parcela ocupada polo edificio do Centro de Inserción Social, unha leira cedida de maneira gratuíta polo Concello e cuxa valoración ascende a 2,19 millóns de euros.

Neste sentido, o Concello notificará a contestación destas alegacións tanto á Dirección Xeral de Institucións Penais como á SIEP, argumentando os motivos xurídicos que levan ao Goberno municipal a propor a resolución de mutuo acordo do convenio subscrito en outubro de 2005.

O portavoz municipal lembrou que a solicitude de reversión efectuouse dentro dos prazos marcados por lei e circunscríbese a unha parcela municipal doada para construír a antiga prisión provincial. Esta decisión supón liberar ao Concello de pagar ao Estado 1.122.772 euros que, en 2005, o Goberno local socialista comprometeuse a abonar a través dun convenio que resulta lesivo para os coruñeses, tal e como sinalan todos os informes elaborados pola Asesoría Xurídica e o interventor municipal.

“A situación actual nace dunha irresponsabilidade cometida en 2005 durante a etapa socialista, cando o Concello, en lugar de solicitar a reversión, negociou con Institucións Penais unha permuta cunha valoración na que saía a pagar aos coruñeses máis de 1,2 millóns de euros. É dicir, que o Goberno municipal socialista accedeu a que os coruñeses tivésemos que volver pagar polo que no seu día xa había pago e cedido para un fin concreto”, lamentou Xullo Flores.

BOMBEIROS

A Xunta de Goberno aprobou sacar a concurso mediante procedemento aberto a adquisición dun vehículo de bombeiros para rescate en altura por un prezo máximo de 750.000 euros, dentro dos investimentos aprobados grazas ás contribucións especiais de 2013, para substituír a outro con máis de 18 anos de antigüidade. Ademais, destínanse 30.000 euros para a compra do mobiliario para a posta en marcha do Posto de Control do Parque de Bombeiros e do material da nova cocheira.

A adxudicataria, unha vez finalícese a tramitación do expediente, terá tres meses para entregar o novo vehículo, que disporá de todos os dispositivos de seguridade que marca a lexislación. Esta nova unidade para o SEIS alcanzará os 9,8 metros de longo e contará cun equipo de rescate en altura e unha escaleira con capacidade para realizar xiros completos de 360 graos por encima da altura da cabina.

O actual Goberno municipal investiu entre 2012 e 2013 máis de 2,6 millóns para mellorar o equipamento (novo equipo de excarceración, estación de carga de seguridade, equipos de comunicacións, melloras na rede de hidratantes, mobiliario para o posto de control, vehículo autobomba pesado, vehículo para rescate en altura, vehículo auxiliar para pequenas intervencións e material para intervención con mercadorías perigosas) e para levar a cabo obras no Parque de Bombeiros (Centro de Control de Emerxencias, Unidade de Prevención e Investigación de Incendios, novo garaxe para vehículos de bombeiros e acceso directo á rotonda de Eduardo Diz). Ademais, creouse a Unidade Especializada en Rescates en Litoral coordinada cos servizos de rescate e emerxencias do resto de administracións para atender rapidamente as incidencias na franxa litoral coruñesa.

CULTURA

A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace á proposta da Concellaría de Cultura de optar ás subvencións da Deputación destinadas a programas realizados polas administracións locais para actividades e investimentos culturais e para o mantemento das escolas de música. En concreto, o Concello solicita unha achega de 77.532 euros para tres proxectos:

– Programa de actividades das bibliotecas públicas e o arquivo municipal.
– Programa de investimento en reposición e mellora de equipamentos culturais.
– Funcionamento da Escola Municipal de Música.

A subvención solicitada á administración provincial súmase aos 280.000 euros que o Concello xa recolle nos seus orzamentos de 2014 para a realización deste tres proxectos, enmarcados dentro do compromiso municipal de achegar a cultura aos cidadáns.

LICENZAS URBANÍSTICAS

A Xunta de Goberno tamén concedeu esta mañá licencias urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 439.580 euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato até os 263,38 millóns.

Entre os permisos aprobados, destaca a instalación de dous ascensores en inmobles da rúa Barcelona e a praza de España; e a modificación do acceso a un ascensor na rúa Montiño grazas á instalación dunha rampla que substituirá as escaleiras actuais.

29 de novembro de 2013 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.