O goberno da Laracha non repercutirá nos seus veciños o aumento de taxas de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O aumento en preto do 35% do canon polo tratamento de residuos sólidos urbanos que Sogama aplicará a partir do próximo mes de xaneiro, coa entrada do novo ano, non suporá incremento nos recibos aos veciños do Concello da Laracha.

O goberno municipal, consciente da actual situación de crise económica e as dificultades de moitas familias para chegar a fin de mes, acordou que o Concello da Laracha asuma con fondos propios o encarecemento da prestación deste servizo básico á poboación. Segundo os datos que manexan os técnicos de intervención municipais, a suba media dos recibos municipais, no caso de axustarse o imposto á nova taxa de Sogama, debería ascender a 11,50 euros anuais por vivenda urbana, 9,30 euros por vivenda rural e un mínimo de 30 euros nos locais comerciais. Trala decisión do equipo de goberno local, este imposto quedará conxelado no ano que vén e non presentará, por tanto, modificación algunha.

Soamente o tratamento dos residuos –sen incluír a recollida e o transporte- supón un gasto anual de 228.000 euros para as arcas municipais. A día de hoxe este xa é un servizo deficitario dado que os impostos que se cobran á cidadanía por este concepto non cobren a totalidade do desembolso municipal. Esta situación agravarase en 2014 en base á previsión de que a aportación do Concello da Laracha a Sogama aumente noutros 76.000 euros.

Ante o importante esforzo económico que se afrontará con fondos propios municipais, o Concello da Laracha porá en marcha unha serie de programas dirixidos a concienciar á poboación sobre a importancia da correcta xestión dos residuos urbanos. A estratexia basearase nos eixos coñecidos como “as tres r”: reducir a cantidade de residuos que se xeran, reutilizar os materiais o maior número de veces posible antes de convertelos en lixo e, por último, a reciclaxe baseada na recollida selectiva.

Así, o goberno local promoverá o desenvolvemento de intensivas campañas informativas sobre a recollida selectiva que se levarán a cabo tanto nos colexios, centrándose nos escolares, como na poboación en xeral por medio dun buzoneo de folletos explicativos sobre os materiais que deben depositarse en cada un dos colectores para facilitar a correcta separación do lixo.

Ademais tamén está previsto o desenvolvemento doutro programa dirixido a potenciar reciclaxe nas parroquias coa instalación de contedores amarelos (envases) na totalidade dos núcleos rurais. Tamén está previsto reforzar en todo o termo municipal a recollida separada de papel, cartón e vidro.

Por tanto, a implicación da cidadanía, tanto dos cascos urbanos como das parroquias, será imprescindible para alcanzar dous obxectivos fundamentais consistentes, por unha parte, no respecto ao medio ambiente e, por outra banda, nunha diminución do número de quilos de residuos que se derivan á central de Sogama que, ao mesmo tempo, suporía unha minoración nos custos que implica para o Concello este servizo, o que levaría consigo evidentes beneficios comúns para a veciñanza en xeral da Laracha.

9 de novembro de 2013 | 20:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.