O goberno coruñés cede, por 75 anos, o colexio de Pedralonga á Asociación Down Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Negreira comunicando a cesión

Negreira comunicando a cesión

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o presidente da Asociación Down Coruña, Manuel Álvarez, asinaron esta mañá un convenio para o financiamento das obras de adecuación do novo local en Pedralonga que o Concello cede á entidade, mediante unha concesión demanial gratuíta, por un prazo de 75 anos.

“Hoxe cumprimos unha vella demanda da gran familia de Down Coruña; un proxecto redondo que tamén dá resposta a unha necesidade existente no barrio de Pedralonga”, destacou Negreira, quen recordou que a asociación, fundada no ano 2000 por 19 familias, xa conta na actualidade con máis de 80, tanto da Coruña como da provincia.

En concreto, o convenio establece que as administracións municipal e provincial financiarán as obras de construción dun novo local para a asociación, consistentes na construción dun novo edificio e a rehabilitación do xa existente situado no colexio Pedralonga. O presuposto total da execución das obras ascende a 800.628 euros, financiados ao 50% entre o Concello e a Deputación. Así, dos 400.314 euros que destina o Goberno municipal a este proxecto, xa se inclúe no presuposto inicial de 2014 a partida necesaria para iniciar a obra.

O novo centro, cunha parcela de case 2.000 metros cadrados, contará con dúas plantas (planta baixa e primeira planta). As obras, que contan cun prazo de execución dun ano, estarían finalizadas no primeiro trimestre de 2015, e incluirían a rehabilitación de 300 metros cadrados do actual edificio e a construción doutros 500 metros, resultando un edificio de 800 metros cadrados construídos:

– Ampliación planta baixa: almacén, sala de usos múltiples, aseos e accesos.
– Reforma planta baixa: sala de espera e recepción, aseos, aulas e despachos.
– Ampliación planta alta: aula de informática e sala de xuntas.

O obxectivo principal da entidade é o de realizar todas cantas actividades contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con minusvalidez intelectual en xeral, e con síndrome de down en particular, e a das súas familias, a través da integración social e que se concretan en:

– Proporcionar información, asesoramento e orientación ás familias acerca dos programas e servizos.
– Dar apoio para fomentar a independencia, produtividade e integración na comunidade das persoas con síndrome de down.
– Servir de apoio e brindar información positiva a novos pais con nenos de síndrome de Down.
– Desenvolver accións que favorezan a integración plena das persoas con síndrome de down e outras minusvalideces intelectuais.
– Proporcionar espazos que fomenten o coñecemento mutuo das familias.
– Dar a coñecer a realidade da síndrome de down a través de accións de sensibilización.

O novo centro de atención Down contará ademais cun espazo para uso veciñal, “cumprindo cunha vella demanda neste barrio e poñendo en marcha unha nova forma de entender o espazo, baseándonos en tres principios básicos: convivencia, diálogo e colaboración entre administracións,” destacou Carlos Negreira, quen explicou que o novo centro de atención down incorpora unha zona común cun local para a asociación de veciños, así como un salón de actos compartido e unha pista deportiva central para todos.

O alcalde agradeceu o compromiso, dedicación e traballo de Down Coruña, entidade declarada de Utilidade Pública en 2006, e animou o seu presidente a seguir trababajando pola integración e a igualdade das persoas. En 2013, o Goberno municipal destinou á asociación 18.000 euros para o seu programa de formación laboral e para gastos de funcionamento e mantemento da entidade.
Neste sentido, Negreira recordou a estreita colaboración existente entre o Concello e as entidades e institucións sociais da cidade. “Un compromiso que queda patente no presuposto para 2014, no que a Concellaría de Servizos Sociais incrementa o investimento en convenios con respecto a este ano e nun 64,5% fronte a 2011, alcanzando unha cifra de 2.188.675 euros,” concluíu o rexedor.

8 de novembro de 2013 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.