O goberno coruñés afianza o seu compromiso co voluntariado cedendo un local para “promover a participación social”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, anunciou esta mañá que o Concello cedeu un local no Paseo das Pontes ás entidades Voluntariado Social Fonseca e á Plataforma Coruñesa do Voluntariado, formada por máis de 20 asociacións que teñen en común o seu traballo solidario e voluntario a favor de distintos colectivos e persoas.

“Trátase dunha acción máis dentro da estratexia municipal de voluntariado, sendo conscientes da importancia da acción voluntaria e co obxectivo de promover a participación social dos veciños e veciñas da Coruña,” destacou Miguel Lorenzo.

O novo local será dedicado a sede estable tanto da entidade social como da plataforma federativa do voluntariado coruñés, e complementará o seu uso con actividades puntuais na temática de voluntariado e solidariedade organizadas polo propio Concello. É un novo espazo do ámbito social, que vén a sumarse aos 21 centros cívicos dependentes da Concellaría, co fin de dinamizar socialmente a cidade.

Neste sentido, o responsable da área de Servizos Sociais recordou o Programa de Voluntariado Social que se desenvolve ao longo do ano pola Concellaría e que inclúe as seguintes accións:

– Accións de información, sensibilización e difusión.
– Accións de formación.
– Acción de Voluntariado Social en centros cívicos municipais.
– Acción de captación de voluntarios e voluntarias en Centros Cívicos.

“O obxectivo non é outro que o de contar cun grupo estable de persoas voluntarias nos nosos centros”, destacou Lorenzo, quen agradeceu a contribución do centenar de voluntarios que colaboran en actividades de alfabetización e cultura xeral de adultos; apoio escolar; clubs de labores; acompañamentos a persoas maiores; realización de actividades puntuais, en clubs ou xornais e apoio noutras organizadas nos centros cívicos como bailes ou festas temáticas.

Ademais, dende os centros cívicos, tamén se levaron a cabo accións de captación para poñer en contacto potenciais voluntarios da cidade con entidades concretas que contemplan programas de voluntariado; así como outras actividades encamiñadas á formación no voluntariado, “para fomentar unha acción voluntaria comprometida”, explicou Miguel Lorenzo.

O concelleiro de Servizos Sociais tamén quixo destacar o gran labor dos 100 voluntarios de Protección Civil e dos máis de 120 que colaboran habitualmente co Servizo Municipal de Deportes e recordou que o próximo 5 de decembro se celebra o Día Internacional do Voluntariado.

Participación Cidadá

Ademais, o departamento de Participación Ciudadana, que dirixe Luisa Cid, abriu o prazo de inscrición para participar en dous cursos sobre voluntariado a través de Asociactívate, o programa de formación gratuíta organizado polo Concello para apoiar as entidades de interese social da cidade ofrecéndolles a posibilidade de ampliar os seus coñecementos e de dispoñer de ferramentas útiles para desenvolver o seu labor. As persoas e entidades interesadas poden inscribirse ata o 22 de novembro.

22 de novembro de 2013 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.