O goberno amiense manterá unha reunión coa oposición sobre a licitación do ciclo integral da auga
O Executivo amiense fixou para este mércores, 20 de novembro, unha reunión cos membros da oposición para abordar os pasos a dar no proceso de licitación do Ciclo integral da auga. O obxectivo deste encontro é establecer un calendario de traballo para consensuar os cambios a introducir no prego da licitación.
A finalidade desta reunión de traballo é acadar un consenso o antes posible para poder levar a licitación de novo a pleno. Ademais, o Goberno amiense porá a disposición o expediente coas consultas formuladas polas empresas nas últimas semanas.
Unha vez máis, o Concello de Ames quere manifestar que o servizo de saneamento e abastecemento non se verá afectado por este proceso de licitación. O obxectivo do Goberno amiense foi sempre defender os intereses dos veciños/as por encima dos intereses particulares e así o seguirá facendo.











