O Fondo Galego e a ONGD Amarante conciencian en Monforte sobre consumo responsable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Monforte acollerá o obradoiro de compra pública ética e consumo responsable impartidos pola ONGD Amarante Setem. O Concello participa desta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia e que se desenvolve nun total de dez vilas, en calidade de socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Persoal técnico e políticos do Concello participarán no obradoiro de compra pública responsable que terá lugar hoxe luns ás 16.30 horas na Casa Consistorial. A intención é incorporar esta boa práctica na adquisición de bens e servizos por parte das administracións públicas, tendo en conta criterios éticos, sociais e medio ambientais. Perante un modelo no que prima o beneficio económico sobre os dereitos das persoas e o respecto ao medio ambiente, preténdese reflexionar arredor das condicións nas que se producen os bens que se mercan e quen é o depositario final das ganancias.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

11 de novembro de 2013 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.