O Fondo Galego e a ONGD Aarante conciencian en Tomiño sobre consumo responsable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Tomiño acolleu o pasado 19 de novembro, os obradoiros de compra pública ética e consumo responsable impartidos pola ONGD Amarante Setem. O Concello participa como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia e que se desenvolve nun total de dez vilas. A actividade de sensibilización e formación compleméntase cunha exposición sobre as consecuencias do actual modelo de consumo.

O persoal técnico e político das entidades locais e provinciais é o público obxectivo do obradoiro de compra pública responsable que tivo lugar a partir das 12.30h horas na OMIX do concello de Tomiño. Búscase así incorporar esta boa práctica na adquisición de bens e servizos por parte das administracións públicas, tendo en conta criterios éticos, sociais e medioambientais. Perante un modelo no que prima o beneficio económico sobre os dereitos das persoas e o respecto ao medio ambiente, preténdese reflexionar arredor das condicións nas que se producen os bens que se mercan e quen é o depositario final das ganancias.

Neste mesmo contexto encádrase a charla-obradoiro de consumo responsable, que tivo lugar no IES de Tomiño e na que se avoga por xerar unha conciencia crítica sobre as consecuencias que ten o noso xeito de consumir, tanto na contorna próxima como na máis afastada, ao tempo que se propoñen alternativas. Estas charlas están pensadas para alumnado de primaria e secundaria, a miúdo obxectivo de intensas campañas publicitarias, pero tamén se poden adaptar a encontros abertos coa cidadanía e o tecido asociativo.

Senllos obradoiros compleméntanse coa exposición de Amarante ‘Non te consumas’, que aposta por unha mudanza de hábitos para contribuír a construción dun mundo máis xusto, solidario e sostible. As desigualdades no consumo, a contaminación, a auga, a enerxía, o transporte, a reciclaxe, o comercio xusto, o consumo responsable, as finanzas éticas, a alimentación e a roupa son algunhas das temáticas que aborda.

21 de novembro de 2013 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.