O festival OUFF alcanza o seu ecuador rexistrando un gran éxito de participación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

O Festival de Cine alcanza o seu ecuador, e xa son arredor de 5.000 persoas as que asistiron e participaron nalgunha das proxeccións e actividades paralelas organizadas. A Concellería de Cultura celebra a participación e implicación da xente, e a alta asistencia de persoas ao Auditorio Municipal neste primeiro ano no que alberga proxeccións continuas e nas 3 salas.

A maiores do OUFF, o domingo a programación cultural non se detén, e seguimos fieis á cita co espectáculo infantil que desta volta ven da man de Pedro Volta coa actividade Ilusionante. A través dunha caixa na que garda xoguetes e obxectos da súa infancia, vai levando ao espectador a un mundo de fantasía, facendo incribles e sorprendentes números de maxia ao mesmo tempo que conta historias fantásticas. Será na Sala Azul a partir das 12 h.

Xa pola tarde ás 19 h na Sala Principal, regresa a Ourense un clásico dos monólogos para o que xa están todas as entradas esgotadas. Leo Harlem, desta vez acompañado por Dani de la Cámara, dous dos mellores monologuistas deste país unen as forzas e volven xuntos de xira, para presentar o seu novo espectáculo e repetir o éxito arrasador da pasada entrega. Noventa minutos de gargalladas continuas nun paseo polo lado máis cómico da vida cotiá.

E para rematar o luns día 25 a partir das 20.30 h a ópera Carmen visita o Auditorio. Amor, morte, ciumes… todo iso converxe na ópera máis famosa de Bizet: Carmen. A historia dunha fermosa cigarreira de Sevilla á que todos os homes cortexan, salvo o sarxento Don José, que a despreza. Pero cando é detida e posta baixo a súa garda, Don José cae baixo o seu feitizo e déixaa escapar. Carmen xogará co seu amor e provocará nel uns ciumes enfermizos ao descubrir que ela está namorada do toreiro Escamillo.

20 de novembro de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.