O festival de xardíns de Allariz recibiu 47 candidaturas para o quinto concurso
O salón de actos do Portelo acollía hoxe a presentación das candidaturas que participarán na vindeira edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, adicado a “abundancia”.
O Alcalde Francisco García, ademais, facía balance da pasada edición na que se recadaron 31.357€ en entradas o que supón que máis de 40.000 persoas visitaron os xardíns adicados á beleza. Unha mostra da gran aceptación e a valoración positiva que fan deste proxecto tanto os veciños como os visitantes e do cumprimento dun dos obxectivos do festival, como indicaba o rexedor, “facer del un lugar de encontro dos propios veciños e visitantes e reforzar a capacidade de atracción de Allariz”
A utilización do espazo como escenario para o mundo empresarial da xardinería e paisaxismo, por empresas e asociacións como Agaexar, Acubam, Vivergal ou a Asociación Española de Paisaxistas, ou a exposición de mostras escultóricas, unindo arte e natureza, son dúas mostras máis da valoración positiva do festival de xardíns, que non só é un lugar de atracción senón que permite a dinamización económica de Allariz.
O Alcalde pechou o balance 2013 co resultado da votación popular ao mellor xardín 2013:
1º.- Pensasueños
2º.- O xardín da árbore que chora
3º.- Atopa o tesouro
V Festival Internacional de Xardíns de Allariz “Xardíns da Abundancia”
O pasado día 15 de novembro remataba o prazo de presentación de propostas de xardíns para participar na quinta edición do festival de xardíns.
Un total de 47 candidaturas chegadas dende distintos puntos do mapa galego e estatal, Gran Canaria, País Vasco, Cataluña, Madrid ou Andalucía, así como da xeografía europea, Austria, Holanda, Italia, Portugal, Francia, Polonia ou República Checa e incluso traspasando fronteiras ata Estados Unidos. O alcalde destacaba, ademais, a calidade e variedade de propostas e mostraba o seu agradecemento a todas aquelas persoas que apostan polo festival participando nel.
O vindeiro 17 de decembro reunirase o xurado, presidido polo prestixioso paisaxista Francisco Caldeira Cabral, para escoller dez propostas que integrarán o concurso 2014. As outras dúas parcelas serán ocupadas polo gañador da edición 2013 “Pensasueños” e polo xardín titulado “Xardín das Pías” que terá carácter permanente no festival “por reproducir unha antiga fábrica de curtidos e coa intención de utilizalo como espazo divulgativo e de realización de actividades no ámbito escolar”
As propostas comezan a ser estudadas polo xurado que emitirá o seu veredicto o día 17 de decembro.











