O éxito da inauguración do Salón García foi resultado da efusiva participación do público e a implicación de artistas, colectivos e colaboradores
Os actos de celebración da reapertura do Salón García tras a súa rehabilitación resultaron un “completo éxito”, segundo a valoración realizada pola concelleira de Cultura, Rocío Llovo. Os tres días de programación contaron coa calorosa acollida do público que acudiu á ver o renovado teatro e a presenciar as actuacións dos grupos e artistas locais que participaron desinteresadamente nos actos. A edil quixo facer público o agradecemento de todo o equipo de goberno a todos os que fixeron posible a reinauguración deste emblemático espazo cultural de Vilagarcía.
A concelleira considera que “o exitazo da inauguración débese sen dúbida á efusiva participación do público e a implicación de artistas, colectivos, colaboradores, organizadores e traballadores municipais de diferentes servizos que traballaron arreo durante moitos días para que todo saíra á perfección”. Llovo quixo deixar constancia pública da larga lista de persoas que fixeron posible unha inauguración tan brillante e emotiva empezando pola parte artística, por todos os que pasaron polo escenario do Salón García durante a fin de semana: Josito Porto, Dúo Gramola, Quinteto Chalumiaux, Seangles, Teatro Trípode, O Noso Lar, Clámide, A.C. Nydia, Gaspar González, Tacho González, Banda de Música de Vilagarcía e Marina Penas.
Destrás do escenario os agradecementos fanse extensibles aos organizadores dos espectáculos: Pepe Álvarez, Juan Carlos Porto e Manuel Villaronga; e na parte e montaxe ao persoal dos servizos municipais de Obras, Parques e Xardíns, Auditorio, Electricidade, Protocolo e Área de Comunicación, así como aos colaboradores Carlos Galbán, de Musical Duende, e a Fran Estévez.
A concelleira tamén da as grazas ás asociacións e colectivos que responderon á convocatoria para a realización da visita técnica e, por suposto, ao público que acudiu a todos os actos volvendo a encher de vida, alegría e aplausos as butacas e balcóns do Salón García.
Llovo del Río engadiu que a partir de agora, Vilagarcía conta cun espazo cultural máis que, ao igual que durante os actos inaugurais, desexa que gocen por igual os colectivos e asociacións culturais e artísticas da cidade e todos os vilagarciáns.











