O executivo ferrolán permitirá estacionar na Alameda do Carbón para facilitar as compras no mercado municipal
O Concello de Ferrol permitirá o estacionamento de vehículos na alameda do Carbón, atendendo así a demanda dos operadores do Mercado Municipal da Magdalena cos que a voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros, mantivo esta mañá un encontro. Nesta xuntanza tamén participaron técnicos municipais e de Acuaes, sociedade responsable das obras de saneamento que se están acometendo na cidade e que permitirán depurar as augas residuais das vivendas da zona centro da cidade a partir do vindeiro ano.
Xunto coa autorización do estacionamento na alameda do Carbón, outra das medidas adoptadas polo Goberno Municipal para minimizar as posibles consecuencias das obras no comercio e hostalería do centro é a de aprazar até despois do período de nadal os traballos de canalización do gas previstos no treito da rúa da Igrexa comprendido entre Carme e Rubalcava. Previsiblemente, estes traballos do servizo de gas se levarán a cabo a partir da segunda semana de xaneiro de 2014.
Así mesmo, o Concello de Ferrol informa que durante as obras do colector xeral no paseo de Irmandiños seguirán abertos os aparcamentos soterrados do mercado –en que os usuarios da praza de abastos teñen a opción de unha hora de estacionamento gratuíta-, e seguirase permitindo o acceso aos peiraos de carga e descarga da praza de abastos e da nave de peixería.
Ademais, entre o 20 de decembro e o 8 de xaneiro –coincidindo coas datas fortes para a compra de nadal- poderase circular por un carril en Irmandiños. A recuperación dun carril para a circulación rodada en Irmandiños abre a posibilidade de que durante o espazo de tempo antes sinalado –do 20 de decembro ao 8 de xaneiro- se poida recuperar a situación inicial na rúa da Igrexa e, con ela, os estacionamentos. Esta última medida está en fase de estudio por parte da Policía Municipal.











