O executivo coruñés cede á Cociña Económica dous locais para o servizo de recollida de comida en barrios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, acompañado polo presidente da Cociña Económica, Alberto Martí, e as concelleiras de Barrio, Carmen Hervada e Susana Pazo, visitou esta mañá o local do Centro Asociativo O Birloque, cuxo uso, en horario de mañá, o Concello cedeu á entidade para que poida desenvolver o seu proxecto de descentralización do servizo de recollida de comidas para o domicilio familiar. O Centro alberga tamén, mediante unha fórmula de cesión de espazos, a distintas asociacións veciñais, sociais e cultural.

“Esta iniciativa contou dende un primeiro momento co apoio do Concello xa que fai fincapé na normalización que se necesita neste tipo de procesos, achegando a entidade ao usuario, evitando colas e, polo tanto, facendo máis doado, sinxelo, barato e natural o proceso de recollida de comida”, destacou o concelleiro, quen engadiu: “Grazas por non vos conformar co que tedes e por traballar sempre para mellorar o futuro, mellorando o presente. A Cociña Económica, así como todos os proxectos que formula, contan co apoio incondicional deste Goberno municipal, que incrementou de forma significativa a súa axuda a esta entidade centenaria,”.

Neste sentido, Miguel Lorenzo recordou que, dentro do compromiso municipal por blindar o gasto social, mantendo ou incrementando as axudas existentes, durante este ano 2013 a entidade social é beneficiaria de dous convenios nominativos do Concello: un por valor de 15.000 euros co obxecto de contribuír ao financiamento de dos gastos de funcionamento e mantemento da entidade, e outro cun importe de 18.000 euros para a prestación do servizo integral de aseo para persoas sen recursos.

Ademais, o concelleiro mostrou o seu apoio ao novo servizo que a entidade ofrece aos cidadáns “porque facilita e abarata o acceso a este e faise presente en máis zonas da cidade, detectando unha posible nova demanda e dando un mellor servizo”, destacou. “Polo tanto -anunciou Miguel Lorenzo- tamén cedeuse un local na Sagrada Familia que, tras unhas pequenas actuacións, se abrirá nunhas semanas”.

O titular da área de Servizos Sociais destacou o labor que desenvolve a Cociña Económica ofrecendo 600 comidas diarias, complementando outras liñas postas en marcha polo Goberno municipal e hoxe consolidadas: “Realizouse un forte incremento dos fondos dedicados á Emerxencia Social; reducíronse as listas de espera e racionalizou e ampliouse o Servizo de Atención Social; e ofrécese un apoio total ás entidades específicas dos ámbitos de atención a persoas sen fogar e inclusión social”, concluíu Miguel Lorenzo que agradeceu a colaboración dos máis de 3.000 socios da Cociña Económica.

4 de novembro de 2013 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.