O espectáculo de teatro e maxia para todos os públicos “Chapuzas a domicilio” chega á Laracha
Os tradicionais Venres Teatrais da Laracha, un programa que contará con catro actuacións nas próximas semanas, abrirase pasadomañá cunha obra dirixida a todos os públicos.
A compañía A Illa dos Nenos, da localidade pontevedresa de Marín, traerá o seu espectáculo de teatro e maxia titulado Chapuzas a domicilio, no que a reforma dunha vivenda será o fío condutor para que dous pintores se dediquen, entre brocha e rodillo, a algo máis que a pintar.
O Concello da Laracha ofrece esta proposta cultural a todos os seus veciños. O espectáculo comezará este venres ás 21.00 horas na Casa da Cultura da Laracha, sendo a asistencia gratuíta.
O ciclo Venres Teatrais, que se organiza en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, continuará nas tres próximas semanas con outras tantas actuacións. Operación comedia (Misión Sapiens) será a proposta para o día 15. O 22 de novembro a compañía El Ruiseñor estreará a súa adaptación do clásico Tesmoforias. Os televisivos actores Luis Iglesias e Xabier Deive pecharán o programa con Gaivotas subterráneas o venres día 29.











