O espectáculo con tintes circenses “A nena e o grilo nun barquiño” chega a Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Rede Galega de Teatros e Auditorio trae esta fin de semana a Vilagarcía o primeiro dos espectáculos infantís programados para esta temporada. Trátase de “A Nena e o grilo nun barquiño”, unha representación na que música e literatura se dan a man nun colorista espectáculo con tintes do circo contemporáneo. Será mañá sábado, 16 de novembro, ás seis da tarde no Auditorio e a entrada custa 3 euros.

“A Nena e o grilo nun barquiño” nace da alianza entre o músico Magín Blanco e Fol Música do que xorde un libro CD baseada nunha historia que da como resultado unha obra de teatro moi espectacular visualmente e con música en directo. Aínda que non se trata dun musical, achégase moito a el, dado que case a totalidade dos textos son cantados e apenas hai diálogos.

A historia entra polo oído e pola vista, xa que a vistosidade da posta en escena chama moito a atención. Sobre os escenario so haberá dous actores, pero dragóns que votan lume pola boca, pompas de xabón xigantes, malabares e moitos outros elementos do circo máis contemporáneo e da animación de rúa, enchen o espazo escénico e fan as delicias de nenos e maiores.

A elo hai que engadir o atractivo a maiores que supón que a música se interpreta en directo por parte do propio compositor dos temas, Magín Blanco, María (de Faltriqueira( Jorque Juncal e Jerry Noia. Os actores que interpretarán os protagonitas de “A nena e o grilo” son Montse e Pe Pablo, do grupo de teatro Gasafellos, de Narón.

O espectáculo non ten límite de idade, está dirixido ao público infantil de idades que poden ir entre os 2 e os 12 anos, aínda que os máis grandes tamén o gozarán. As entradas pódense comprar anticipadamente a través de www.servinova.com ou o teléfono 902 504 500 e mañá a partir das catro da tarde no Auditorio.

“A nena e o grilo nun barquiño” e a segunda parte de “A nena e o grilo” o primeiro libro CD publicado hai xa 3 anos e que tamén se representou en teatros. “A nena e o grilo nun barquiño presentouse o pasado mes de marzo no Salón do Libro Infantil de Pontevedra e a súa excelente acollida fixo que incluso se vaia a realizar unha tradición ao español para publicar o proxecto no resto de España en colaboración coa editorial Galaxia.

15 de novembro de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.