O equipo de fútbol sala feminino de Tomiño organiza un partido benéfico contra a violencia de xénero
O equipo feminino de fútbol sala de Tomiño (Asociación Deportiva Vania-Miño Fútbol Sala Feminino), e a Asociación de Mulleres Paso a Paso, de Tomiño, organiza un partido benéfico o vindeiro domingo, 24 de novembro, no Pavillón Polideportivo de Goián, co obxectivo de conmemorar o Día Mundial contra a Violencia de Xénero. Na oportunidade, o equipo medirase co Froiz de Tomiño.
O encontro comezará ás 11 da mañá e a entrada será 1 quilo de alimentos non perecedoiros, que se repartirán entre as familias necesitadas.
Unha hora despois, ás 12 do mediodía, terá lugar no auditorio goianés unha charla-coloquio, na que se proxectará un vídeo sobre aspectos coma “o maltrato sutil que desemboca en violencia de xénero”, ou a violencia que se exerce sobre nenos/as e adolescentes. Esta última estará a cargo de Vanesa Estévez, presidenta da Asociación Deportiva Vania-Miño Fútbol Sala Feminino.
Asemade, intervirá na charla unha axente da Garda Civil, que traballa con víctimas de violencia de xénero, e pechará o acto o grupo vigués “Cinta Adhesiva”, cun espectáculo poético-musical.
A Asociación Deportiva Vania-Miño Fútbol Sala Feminino, de Tomiño, constituíuse oficialmente hai un ano e ten xa un equipo senior federado, así como nenas do resto de categorías.
Na organización destes actos contra a violencia de xénero, o club de fútbol sala tomiñés conta co apoio do Concello e da asociación de mulleres “Paso a Paso”.











