O embaixador da Federación de Rusia, Yuri P. Korchagin, visita Ferrol

O embaixador da Federación rusa asinou no libro de Ferrol
O Concello de Ferrol recibiu hoxe a visita institucional do embaixador en España da Federación de Rusia, Yuri P.Korchagin. O alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela deu á benvida ao diplomático ao Pazo Municipal, mantiveron un breve encontro e convidouno a asinar no Libro de Ouro do Concello, no que representante da Federación de Rusia en España deixou escrito os seus desexos de prosperidade, éxitos e desenvolvemento sostible para o municipio”. Rey Varela e Yuri P. Korchagin intercambiaron tamén agasallos institucionais, e así, por parte do Concello fíxoselle entrega dun cadro en que se reproduce a fachada principal da Casa Consistorial, mentres que o embaixador regalou un produto agrícola típico do seu país. Nesta visita institucional estiveron presentes, ademais dos tenentes de Alcaldía, Guillermo Evia Pérez e Susana Martínez Galdós, os voceiros municipais de PSOE e Independentes por Ferrol (IF).
O rexedor ferrolán subliñou a importancia da visita de Yuri P. Korchagin, no sentido de que “Rusia ten unha gran importancia industrial e estratéxico para España, Galicia e Ferrol “, dixo. No que atinxe a Ferrol, Rey Varela referiuse aos intereses estratéxicos no ámbito portuario, loxístico, gasístico e o relacionado co naval, tanto no eido da construción como no da reparación. “A visita institucional do embaixador da Federación de Rusia supón unha oportunidade porque todos os ferroláns somos embaixadores de Navantia”, manifestou o primeiro edil, quen enmarcou a recepción ao diplomático ruso na intención de “establecer lazos de unión co seu país que poidan dar froitos no que precisamos nesta comarca, que é emprego”.
Pola súa banda, Korchagin explicou que o motivo da súa visita a Ferrol é a de coñecer in situ as instalacións dos estaleiros de Navantia, que cualificou como punteiros en Europa e no mundo. Nesta liña, o embaixador de Rusia deixou aberta a posibilidade de acordos comerciais coa compañía naval pública tanto por parte de empresarios rusos como por parte do Estado. Durante a súa visita ao Pazo Municipal, o embaixador estivo acompañado do director de Relacións Institucionais de Navantia, Javier Pradera.











