O Edificio Multiusos de Monforte será escenario da comedia teatral “Misión Sapiens”
O vindeiro mércores día 27 de novembro o auditorio do Edificio Multiusos encherase de gargalladas coa actuación, ás oito e cuarto do serán, da compañía teatral Malasombra Producións.
Un magnífico elenco de actores galegos, (Luis Iglesia, Marcos Orsi, Xabier Deive, Jouse García e Xoque Carbajal), todos eles coñecidos pola súa participación en numerosas series televisivas de éxito, virán a Monforte coa decidida intención de facernos rir sen parar coa obra Misión Sapiens (operación comedia).
O obxectivo deste fabuloso grupo de actores é, sen dúbida, moi loable. Para sabelo non fai falla nada máis que botarlle unha ollada á sinopse da obra:
Misión Sapiens é un espectáculo de autoaxuda que en menos de dúas horas te transformará nun ser humano culto, educado e capaz de manter unha conversa sobre calquera tema sen quedar coma un burro.
Cinco grandes eruditos de diversos campos intentarán meter coñecementos dentro da túa cabeza, queiras ou non, polas boas ou polas malas. Coñecementos básicos de cultura xeral, comportamento e educación, música, libros, películas, deportes, viaxes.
Non é necesario pasarse horas e horas da túa vida lendo libros, escoitando música ou vendo películas. Nós contámosche de que van e ti xa podes participar con orgullo nas charlas dos teus amigos máis cultos sen medo a quedar mal.
Sabemos que percorrer o mundo é caro, pero mentir sobre os sitios onde estiveches non custa nada e podes quedar igual de ben diante dos teus colegas e parentes. Axudámosche a preparar as mentiras sobre as túas viaxes para que ninguén saiba nunca que na túa vida fuches máis alá de Pedrafita.
O que non conseguiu a EGB, a FP, a LOE, a LOGSE, A ESO nin a OTAN, quizás o consigamos nós. MISIÓN SAPIENS. Sen evolución non hai revolución.
A representación, levarase a cabo o mércores día 27 de novembro ás 20:15 h. no Edificio Multiusos.
O prezo da entrada xeral será de cinco euros. O prezo da entrada para estudantes, parados e xubilados será de tres euros.











