O doutor Manuel Seijo impartirá unha charla informativa sobre o alzheimer en Ponte Caldelas
A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Ponte Caldelas poñen en marcha, en colaboración coa Fundación Colexio Médico de Pontevedra, poñen en marcha unha charla informativa sobre a enfermidade do Alzheimer, impartida polo Dr. Manuel Seijo, xefe de Neuroloxía do CHOP, este xoves 7 de novembro, ás 18:30 horas no Centro Cultural de Ponte Caldelas e que se impartirá en 42 municipios da provincia.
O neurólogo que realizará a charla incidirá na necesidade da detección temperá de síntomas, co fin de combater con maior eficacia as consecuencias desta enfermidade dexenerativa. Explicará en que consiste esta doenza, como paliar os seus efectos nos pacientes que se ven afectados por ela e analizará tamén os efectos que esta enfermidade causa, non só naquelas persoas que a padecen, senón tamén nos seus familiares que ven modificada a súa relación co afectado.
Segundo os neurólogos, existe moita desinformación en torno a esta doenza, que xa se postula como a terceira causa de morte entre as persoas da terceira idade, despois das enfermidades cardiovasculares e o cancro.
Así, cada ano detéctanse na provincia de Pontevedra entre 700 e 800 casos en cada unha das tres áreas sanitarias desta (máis de 2.100 novos casos) e que en total afecta aproximadamente a unhas 15.000 persoas. Esta enfermidade ten un forte impacto na calidade de vida da persoa que a padece e dos seus coidadores. É polo que un diagnóstico precoz facilita o tratamento e de aí a importancia de contar con información precisa desta doenza co fin de que poida ser tratada en tempo e forma.











