O documental “Entreparadas” estrénase no Festival Cineuropa de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseSantiago de Compostela
A-
A+

A Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico P(A)T Galicia presentará o próximo sábado 16 de novembro ás 16 h. no Salón Teatro do Festival Cineuropa o estreno do documental “Entreparadas”, no marco do festival que se celebra en Santiago de Compostela.

A longametraxe, na que colabora o Concello de Ourense, foi dirixida por Toño Chouza, que conta no seu equipo con persoas de recoñecida experiencia no mundo do audiovisual como Jorge Coira ou María Liaño.

“Entreparadas” conta a historia de 16 persoas anónimas que atesoran experiencias vitais únicas. A longametraxe fixa a súa mirada en Jose, con parálise cerebral e Felisa, inmigrante invidente, que compranten unha experiencia que marcará as súas vidas con outras persoas procedentes de diferentes colectivos (Asociación contra o cancro, Centro psiquiátrico, Unidade de violencia de xénero, Vítimas de accidentes de tráfico, Aula municipal do maior, discapacitados Aixiña, menores con medidas xudiciais e outros voluntarios e voluntarias).

Unha idea: un grupo de teatro “invisible” que actúa por sorpresa nos autobuses urbanos. Un soño: aplausos, emocións, tolerancia, convivencia, cultura e unha forte mensaxe social chega a moitos viaxeiros entre parada e parada dos autobuses de man dos 16 actores e actrices. A Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico P(A)T Galicia amósanos un proxecto solidario que cambiou os xeitos de vivir e velas cousas.

Festival Cineuropa

Cineuropa celebra neste 2013 a súa 27 edición, entre o 7 e o 29 de novembro, con proxeccións en distintas salas, concertos e actividades complementarias, reunindo a grandes nomes, a novos realizadores, o xénero documental e a proxección de copias especialmente restauradas para este festival non competitivo, pensado exclusivamente para o deleite do espectador.

O Concello de Ourense, o Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade patrocinaron este proxecto, coa colaboración de Sarabela Teatro, Cine Clube Padre Feijóo, Cafetería Stop, Aguas de Sousas, Colegio Malvedo, Parkings Buenos Aires, Apersa e Salones Cabú.

13 de novembro de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.