O DIFE desenvolve unha intensa actividade de cursos de formación, busca de emprego e uso de novas tecnoloxías
O Centro de Formación Permanente de Matosinhos acollerá nos dous últimos meses do ano unha intensa actividade de accións formativas, de busca de emprego e de uso das novas tecnoloxías. Son un total de 14 accións, das cales a meirande parte están organizadas polo Departamento Integrado de Formación e Emprego dependente da Concellería de Traballo e Benestar e ás que hai que engadir iniciativas doutras administracións. O obxectivo de todas elas, son as de mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas a través de diferentes vías de xeito que lles resulte máis fácil acceder ao mercado laboral.
A loita contra o desemprego é un dos obxectivos principais que persegue a Concellería de Traballo e para avanzar neste sentido, nestes difíciles tempos, estase a traballar a través de diversas vías. O DIFE centraliza as accións encamiñadas a mellorar a empregabilidade dos parados inscritos na súa bolsa de emprego mediante iniciativas que amplíen e mellores a súa formación, adapten os seus coñecementos ao manexo das novas tecnoloxías da comunicación, saiban realizar buscas de emprego con éxito e desenvolverse nos procesos selectivos cando existen ofertas por parte de empresas, ou a través de accións de promoción da cultura emprendedora para o fomento da creación do autoemprego.
Con esta filosofía, o DIFE organiza ao longo do ano unha programación que se desenvolve no Centro de Formación de Matosinhos e que ata finais de ano inclúe 14 actividades.
No bloque relativo á formación e busca de emprego, o centro de Matosinhos acollerá a partir do 18 de novembro un curso de Financiamento de Empresas organizado a través da Deputación Provincial de Pontevedra. Despois dos bos resultados da experiencia realizada en outubro, o DIFE realizará en decembro a segunda edición das accións de mellora da empregabilidade consistente en dúas sesións prácticas de elaboración de curriculums vitae e outras dúas sobre os procesos selectivos, nas que se realizará simulacións de entrevistas de traballo. Dentro destas mesmas accións, tamén se organiza en decembro un obradoiro de busca de emprego por internet.
No bloque relativo ás novas tecnoloxías desenvolverase o 6 de novembro unha videoconferencia sobre Introdución á Big Data e Haadop. Do 7 ao 21 de novembro impartirase un curso de Iniciación á Informática e do 25 ao 29 serán os alumnos do Obradoiro de Emprego Vista Alegre II os que asistan a un obradoiro de iniciación á informática no propio centro de Matosinhos. Neste mesmo bloque, entre o 2 e o 5 de decembro impartirase un curso de internet e correo electrónico e durante os meses de novembro e decembro asistirán a un curso de informática os usuarios do colectivo Banco de Tempos.
Tamén para achegar á cidadanía en xeral o uso de internet e das novas tecnoloxías. O centro de Formación de Matosinhos dispón todos os venres dun Aula Aberta na que os usuarios poderán utilizar de balde os ordenadores con acceso a internet e outros sistemas como o de videoconferencia. Esta aula funciona todos os venres en horario de 9 a 11 da mañá.
Cemit
A esta programación hai que engadir as xornadas, cursos, seminarios, conferencias e videoconferencias que promove o centro de Modernización e Inclusión tecnolóxica (Cemit) dentro da súa programación propia e que aínda non teñen data de realización, pero que se desenvolverán tamén nesta última etapa do ano.











