O desenvolvemento da obra de mellora da competitividade do parque empresarial de Pazos superará os 75.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVerín
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, no importante labor de colaboración que está a desenvolver coas administracións locais, vén de resolver un ano máis o programa de apoios municipais para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias galegos.

Neste contexto, e tal e como resaltou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante a súa visita ao Parque Empresarial de Pazos, en Verín, grazas a este programa acométense obras no vial de acceso ao polígono contribuíndo á mellora da súa competitividade. Para realizar esta actuación, destínanse máis de 75.000 euros, o 85% do seu custo.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e polo delegado territorial de Ourense, Rogelio Martínez, Bernardo Tahoces resaltou a importancia dunha orde que impulsa este ano actuacións en 11 parques empresarias da provincia de Ourense, xerando postos de traballo e incrementando a competividade do tecido empresarial da provincia. “A través desta orde, colaboramos cos municipios ourensáns, facilitando a realización de distintas iniciativas que mobilizarán máis de 800.000 euros”, explicou.

Así, mediante o programa apóianse diferentes actuacións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Dase así un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzan ata os 120.000 euros, e que se ven incrementados nun 15% nos casos de consorcios de 2 e 3 municipios.

Unhas cantidades que, como é o caso de Verín, increméntase nun 5% para os municipios beneficiados polos Plans Impulsa Lugo, Ourense, Ferrol e Costa da Morte. Neste sentido, e como destacou o director xeral de Enerxía e Minas, preto do 20% do medio cento de concellos beneficiados encádranse na provincia de Ourense, correspondendo á da Coruña o 35%, á de Lugo preto do 30%, e á de Pontevedra o 17%.

28 de novembro de 2013 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.