O departamento social de Ortigueira desenvolverá novas campañas solidarias de recollida de alimentos
O Concello de Ortigueira pechará o ano activando unha nova edición da campaña “Axúdanos a axudar” destinada a reforzar o Banco de Alimentos municipal, xestionado dende a Concellaría de Benestar Social e destinado a apoiar os veciños que, como consecuencia da actual situación económica, afrontan unha situación de necesidade severa. Activaranse recollidas de víveres a próxima semana nos centros escolares e os primeiros días de decembro en toda a rede de centros sociais.
Como se fixera antes do verán, dende o departamento municipal pídese a colaboración da comunidade educativa e dos veciños do rural para recoller alimentos e elementos de aseo. E como unicamente se trata de implicar á maior cantidade de xente posible, establécese que cada persoa poderá entregar única e exclusivamente ben unha lata de conservas ben un produto de hixiene persoal.
A recollida nas instalacións do CEIP José Mª Lage, CEIP de Loiba, escolas infantís e IES de Ortigueira terá entre o luns 25 e o venres 29 de novembro, en tanto que na rede de centros sociais se desenvolverá entre a primeira semana de decembro.
Os produtos doados serán distribuídos no que resta de ano polo departamento de Benestar Social entre as familias que afrontan maiores dificultades económicas do municipio.
A campaña permitirá que o Banco municipal de Alimentos que se mantén fundamentalmente grazas aos fondos chegados de Cruz Vermella, afronte a campaña do Nadal e a costa de xaneiro cunhas reservas mínimas de permitan cubrir en todo momento as necesidades básicas de alimentación e hixiene das familias da localidade que o requiran.











