O departamento social de Fene informa do programa “Xuntos polo Nadal”
O concello de Fene dende a Área de Servizos sociais, igualdade e educación, informa que está aberto o prazo de solicitude ate o 25 de novembro de 2013
Dado o carácter familiar que teñen estas festas na nosa comunidade e tendo en conta a situación de soidade na que se atopan moitas das persoas maiores, pola carencia de familiares, perda do seu cónxuxe ou a emancipación dos fillos, a Xunta de Galicia convoca un total de 240 prazas para participar neste Programa distribuídas do seguinte xeito:
– Residencia de Tempo Libre do Carballiño (120 prazas): 60 para a provincia de Pontevedra e 60 para a da Coruña
– Residencia de Tempo Libre de Panxón en Nigrán (120 prazas): 60 para a provincia de Lugo e 60 para a de Ourense.
Este programa vaise desenvolver nas datas comprendidas entre o 23 de decembro de 2013 e o 2 de xaneiro de 2014.
O Programa contempla o aloxamento, en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa, durante 11 días (10 noites) que se computarán desde o momento de saída do lugar de orixe ata o momento da saída do centro no que se leva a cabo.
Para ser beneficiario deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:
– Ser maior de 65 anos.
– Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Valerse por si mesmo e non padecer enfermidade infecto-contaxiosa activa nin trastornos mentais ou condutuais que poidan alterar a convivencia.
– Non estar acollido en ningún centro residencial.
– Ter que pasar só/a as datas do Nadal.
Para a selección dos participantes daráselle preferencia ás persoas que:
– realmente vivan soas e non teñan con quen pasar estas datas.
– teñan un menor nivel de ingresos económicos.
– non participaran neste ano en ningunha quenda do Programa de Benestar en balnearios, nin en pasadas edicións do Programa Xuntos polo Nadal.
– teñan máis idade.
Os solicitantes cuns ingresos inferiores ao IPREM (532,51 €), asistirán de forma gratuíta ao programa, mentres que aqueles cuns ingresos superiores a dito importe contribuirán ao pagamento da estadía coa achega de 50 €.
O prazo de presentación de solicitudes é ata o 25 de novembro de 2013 e farase a través dos servizos sociais comunitarios dos concellos, servizos sociais de atención primaria de saúde, xefaturas territoriais e centros sociocomunitarios de benestar dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.











