O departamento social de Cedeira pon en marcha o programa “Preescolar non Concello”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

A Concellaría de Servizos Sociais de Cedeira anunciou esta mañá o próximo inicio dun novo programa dirixido ás familias con nenos de entre cero e tres anos. Trátase de “Preescolar non Concello”, unha iniciativa que seguirá a filosofía de “Preescolar na Casa”. Isto é, configurarase como un espazo onde pais e fillos compartan lectura, xogos ou cancións e onde os primeiros poidan expoñer as súas dúbidas sobre os coidados e temas vinculados aos pequenos.

Impartidas pola educadora familiar do Concello, as sesións comezarán este venres, 22 de novembro, no Centro Sociocultural. Terán unha periodicidade quincenal e celebraranse de 11 a 13 horas. Inicialmente, están inscritas doce familias, aínda que dende o departamento de Servizos Sociais se apunta que o programa manterase aberto a novas incorporacións. Para iso, as persoas interesadas poden solicitar máis información nas oficinas municipais situadas no mesmo centro sociocultural. O programa é gratuíto.

19 de novembro de 2013 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.