O departamento de xuventude ourensán ofrece 25 prazas no curso de “Monitor de tempo libre”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Dentro da programación “Ourense Xove 2013”, que ofrece iniciativas atractivas para o tempo de ocio, a Concellería de Xuventude abre desde hoxe mércores 13 de novembro o prazo de inscrición para o curso de “Monitor de tempo libre”, destinado a maiores de 18 anos. Ofértanse un total de 25 prazas, que se cubrirán segundo a orde de matrícula.

O curso, cun custe de 120 euros, terá unha duración de 200 horas de formación teórica e 150 horas de formación práctica en entidades de lecer e tempo libre. Celebrarase as fins de semana de decembro e xaneiro, en horario de mañá de 9 a 14 e de tarde de 16 a 21 h., nas aulas do local social do centro da Agrupación Miño, na rúa Doutor Marañón, baixo.

O curso baséase na formación dos participantes no coñecementos das técnicas de tempo de lecer, á vez que se capacita aos responsables da acción pedagóxica e coordinadores de actividades de grupos infantís e xuvenís, e se favorece o intercambio de experiencias, cooperación e interrelacións persoais.

Os únicos requisitos para poder formalizar a matrícula son ser maior de idade e ter graduado escolar. As inscricións poden realizarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil, a través do teléfono 988388154, ou por correo electrónico xuventude@ourense.es, sendo imprescindible entregar copia do DNI e do título de graduado escolar.

Escola de Tempo libre Universitaria de Ourense

O curso será impartido pola Escola de Tempo libre Universitaria de Ourense (ESTOU), composta por estudiantes do Campus de Ourense e formadores con experiencia na Educación Non Formal.  A programación do curso incluirá animación á lectura, animación deportiva, cancións, xogos tradicionais, socioloxía, psicoloxía, lexislación, obradoiros, etc.

13 de novembro de 2013 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.