O departamento de igualdade de Lousame inicia o proxecto “Engánchate ó bo trato”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Concellería de Igualdade do Concello de Lousame desenvolverá na vindeira semana o proxecto “ENGÁNCHATE Ó BO TRATO” en colaboración co CPI Cernadas de Castro, e subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade e o Fondo Social Europeo.

Dende o convencemento de que a violencia de xénero é unha conduta aprendida  empapada de valores culturais machistas que se pode modificar mediante a intervención educativa, programouse un proxecto de prevención da violencia de xénero centrado na sensibilización sobre O BO TRATO ENTRE IGUAIS.

Este proxecto ten como obxectivo promover actitudes, comportamentos e valores igualitarios entre os nenos e as nenas que lles ensinen a superar os estereotipos e roles sexistas, e faciliten así unha relación positiva entre o alumnado.

Co desenvolvemento dos talleres “Colorín, colorado o conto cambiado”, “Pon de moda o bo trato”, “O mundo cambiámolo nós”, “Publicidade en Positivo” e “Ti = Eu”,  183 nenas e nenos dos cursos de 2º, 4º e 6º de Educación primaria e 2º e 4º de ESO  van aprender mediante dinámicas a importancia de manter actitudes, comportamentos e valores igualitarios, asertivos á marxe dos estereotipos e roles sexistas que nos transmite a educación cultural, potenciando unha relación positiva entre o/as iguais, e abordando cos/coas adolescentes o significado das relacións de parella e os tópicos esenciais do amor, proporcionándolle ferramentas que lles permitan diferenciar unha relación feliz e positiva dunha relación de violencia de xénero.

8 de novembro de 2013 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.