O departamento de Benestar Social ourensán aproba 3 convenios para o desenvolvemento de programas de apoio a drogodependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Cumprindo cun dos obxectivos prioritarios do Concello de Ourense, como é a loita contra as drogodependencias, tanto desde un plano preventivo, como asistencial e reinsertivo, a Xunta de Goberno Local aprobou tres convenios de colaboración entre a institución municipal e tres asociacións da cidade, para o desenvolvemento de programas de apoio a drogodependentes. Así, a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, a Asociación Abeiro, e ATOX recibirán 18.500 euros cada unha, o que suma un total de 55.000 euros, para o desenvolvemento de proxectos concretos.

Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home

O convenio ten por obxecto a colaboración para o desenvolvemento de actividades de prevención e reinserción en réxime residencial de condutas adictivas para drogodependentes, no centro que a entidade mantén en funcionamento en Ourense. A Fundación comprométese a desenvolver un proxecto de reinserción, denominado “Proxecto home Galicia”, que busca acadar a autonomía persoal, consolidar a integración responsable e realista no sistema familiar, fomentar e manter a rede social, e a integración no ámbito formativo e laboral.

Asociación de Axuda ao Toxicómano “ATOX”

É obxecto deste convenio o desenvolvemento por parte da Asociación ATOX do programa de apoio residencial para pacientes con condutas adictivas. A Asociación desenvolverá o “Programa de Piso de Acollida para a Incorporación Social”, que consiste no ofrecemento dun apoio continuo nas distintas fases do proceso de rehabilitación, cunha orientación e seguemento continuo que propicie a abstinencia das diferentes adiccións. Estará dirixido a persoas que levan un longo proceso de consumo de sustancias, organizado en dous proxectos, conforme os seus destinatarios sexan politoxicómanos ou cocainómanos.

Asociación “Abeiro”

O Convenio con Abeiro destinarase ao desenvolvemento de actividades de prevención e reinserción en réxime residencial de condutas adictivas, para usuarios do piso de apoio residencial da Asociación Abeiro. O proxecto busca unha actitude positiva aos tratamentos sanitarios, axeitado desenvolvemento psicoafectivo, e adaptación progresiva dos usuarios á sociedade na que se reintroducirán. A consecución dos obxectivos levarase a cabo a través de actividades en forma de obradoiros de traballo, e mediante terapias de grupo e individuais. 

25 de novembro de 2013 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.