O delincuente coñecido como “Canceliñas” é detido en Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondelaSucesos
A-
A+
E.P.
Canceliñas

Canceliñas

Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron este xoves a Saturnino Marcos C.C., alcume ‘Canceliñas’, cando ía camiñando pola N-550, pola zona do barrio do Couto, na parroquia redondelana de Cesantes, confirmaron fontes policiais.

A detención produciuse sobre as 14.00 horas, cando dous axentes o viron mentres camiñaba pola estrada en dirección a Arcade. Ao recoñecelo, os policías procederon de inmediato a solicitar reforzos, para detelo posteriormente de forma rápida e non lle dar ocasión de reaccionar, tendo en conta que se trata dun delincuente considerado perigoso e con numerosos antecedentes. De feito, no momento do arresto, non ofreceu resistencia.

‘Canceliñas’, que non ía armado e presentaba aspecto descoidado (tras un mes fuxindo das forzas de seguridade), foi trasladado á Comisaría de Vigo, onde permaneceu ata pasadas as 19.30 horas, momento en que a Policía cedeu a custodia á Garda Civil. Axentes do Instituto Armado trasladaron o detido á Comandancia da Garda Civil en Pontevedra.

Tanto as forzas de seguridade españolas como portuguesas estiveron a seguir a pista a ‘Canceliñas’, que non regresou a prisión despois dun permiso en febreiro pasado, e de forma especialmente intensa no último mes, tras a súa presunta participación nun asalto a un domicilio do Porriño, dous atracos a gasolineiras do Baixo Miño, e o secuestro dun médico portugués.

SECUESTRO

Así, ‘Canceliñas’ e o seu cómplice, o portugués Álvaro Miguel.S.B., secuestraron o pasado 7 de novembro un médico, cando se encontraba no aparcadoiro dun hipermercado na localidade portuguesa de Arcos de Valdevez. Os secuestradores fuxiron co médico no Mercedes deste e liberárono 20 horas despois nunha zona forestal de Ponteareas (Pontevedra).

Días despois, apareceu o vehículo en Redondela, mentres que o cómplice de ‘Canceliñas’ foi detido o 13 de novembro cando circulaba nun coche pola zona de Jacinto Benavente, en Vigo. O xulgado de instrución número 2 do Porriño decretou entón o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para o portugués, ao que se lle imputou un delito de roubo con violencia na casa habitada, con uso de arma, en grao de tentativa; outro de lesións con arma; un de roubo de uso de vehículo; outro delito de detención ilegal e tres de roubo con intimidación.

A raíz dos últimos ‘golpes’ destes delincuentes, pero especialmente do secuestro do médico, as forzas de seguridade estableceron un dispositivo de busca con despregamento de axentes e controis por todo o sur da provincia de Pontevedra e tamén en Ourense. A busca tamén se realizou polo norte de Portugal, especialmente na zona de Paredes de Coura, de onde é oriúndo Álvaro Miguel S.B.

 

28 de novembro de 2013 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.