publicidade hoxe

O CPI Conde de Fenosa acollerá unha actividade didáctica con motivo do Día contra a Violencia de Xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

O Concello de Ares, a través da Concellaría de Servizos Sociais, organiza unha serie de actividades didácticas co gallo da celebración, o día 25 deste mes, do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Nomeadamente, e como explicou a responsable da área, a socialista Victoria Montenegro, na comisión informativa celebrada esta mañá, os actos programados nesta ocasión teñen por obxectivo educar e promover na poboación adolescente a igualdade entre homes e mulleres para potenciar o respecto mutuo así como unhas relacións sociais e afedctivo-sexuais sás.

Así, o poboación destinataria será o alumnado do CPI Conde de Fenosa comprendido entre os 12 e 14 anos, co que se utilizarán algunhas das actividades baseadas no material didáctico “Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero” con algunhas modificacións para a súa dinamización. “Que é ser un home? Que é ser unha muller? Estereotipos e roles de xénero”, “Non te esquezas de…” e “Que entendemos por violencia? Que é violencia de xénero?” son os temas que se porán enriba da mesa e cos que se traballará durante as xornadas didácticas.

As actividades durarán un total de dúas horas por aula e terán lugar os días 26 destes, e o 3, 10 e 17 do vindeiro de decembro.

COMISIÓN DE CULTURA

Na mañá de onte tamén tivo lugar a comisión informativa de Cultura, na que se deu conta do programa de actos previstos para o Nadal.

Como explicou o concelleiro desta área, o socialista Eugenio Fernández Lago, as actividades comezarán o mércores 4 de decembro, co obradoiro “Decoramos a biblioteca”, que se desenvolverá o 4 e o 5. O día 11 terá lugar outro obradoiro, “Postais de Nadal”, mentres que o venres desenvolveranse dúas actividades: a de adornos de Nadal caseiros e o de customización de prensas.

Xa o mércores 18 impartirase o obradoiro de cociña sen lume, e o 20 o mago Cayetano Lledó ofrecerá aos aresáns e aresás o seu espectáculo.

Por terceiro ano consecutivo, a Concellaría de Cultura organizará o Certame de Panxoliñas Concello de Ares, que congregará na igrexa de San José a diversas agrupacións musicais.

A cabalgata de Papá Noel centrará a xornada do 23, xa que o desfile ocupará boa parte da tarde dese día. E antes da celebración da outra cabalgata destas datas, a de Reis (o día 5 de xaneiro), nas dependencias municipais terán lugar outros obradoiros. Así, o 27 terá lugar un de maquillaxe para festa e o 30 outro de perrucaría. Finalmente, o 3 de xaneiro haberá unha actividade de contacontos e elaboración de bonecas recortables.

21 de novembro de 2013 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.