O conxunto escultórico mariñeiro en Punta Moreiras suporá un investimento de 117.000 euros
A Deputación de Pontevedra ultima co Concello do Grove e cos responsables do Museo da Salazón e da Escola de Canteiros a instalación en Punta Moreiras, O Grove, dun conxunto escultórico de motivos mariñeiros no que investirá 117.000 euros.
Rafael Louzán reuniuse esta mañá co alcalde grovense, Miguel Ángel Pérez; co arquitecto responsable do proxecto, Enrique Iglesias; e co director do Museo da Salazón, José Luis González Escalante; así como cos responsables da Escola de Canteiros, Marta Corrochano e Enrique Velasco, cos que analizou o estado actual do proxecto, unicamente pendente dos permisos e as autorizacións correspondentes.
O obxectivo é crear en Punta Moreiras un espazo que sirva de homenaxe ás xentes do mar, así como poñer en valor, difundir e promover a cultura mariñeira.
Con esta finalidade o conxunto escultórico integrarase co Museo da Salazón; incluirá unha ampla colección de pezas, elaborada pola Escola de Canteiros, que comprende edificacións e figuras humanas e de animais.
Ademais, habilitarase un espazo de lecer e información con exposicións, temporais e permanentes, referidas ás artes de pesca tradicionais, á fauna mariña típica da costa arousá e ás actividades relacionadas co mar.











