O Congreso sobre “Cooperación, nova programación 2014-2020” do Inorde analiza as alianzas transfronteirizas de Galicia-Norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, dixo hoxe na inauguración do congreso sobre “Cooperación, nova programación 2014-2020” de fondos europeos que a provincia de Ourense “ten que aproveitar a súa centralidade xeográfica na eurorrexión galicia-Norte de Portugal, algo que temos que ver como unha oportunidade para o desenvolvemento económico e social da nosa provincia”.

Baltar dixo que a palabra clave é a cooperación en todos os ámbitos e o obxectivo é que os diferentes axentes da eurorrexión “sigamos asumindo ese compromiso de colaboración conxunta para levar a cabo proxectos que valoricen o noso entorno e melloren as condicións de vida e o benestar dos cidadáns que viven na eurorrexión”.

O presidente provincial destacou que esta sesión de coñecemento, planificación e debate sobre o próximo período 2014-2020 “serve para saber como aproveitar os fondos que, aínda en menor contía, pon ao noso alcance a Unión Europea, e o seu obxectivo é afondar no proceso de cooperación transfronteiriza na área Ourense / Miño-Lima / Cavado, e mellorar a eficacia de redes estables de cooperación de ámbito municipal, empresarial, social e institucional”.

As actividades que se desenvolverán para acadar este obxectivo son a realización de mesas temáticas e xornadas formativas, o apoio técnico para a elaboración de candidaturas aos programas de cooperación territorial, actividades de xestión e coordinación así como de comunicación e difusión.

Manuel Baltar afirmou que este ano se produce “un punto de inflexión co fin dun periodo e comezo do 2014-2020, unha nova etapa que temos que iniciar coa clarividencia que outorga a experiencia e sumando identidades para conseguir que os nosos territorios sigan avanzando cara un rol de liderado”. A cooperación transfronteiriza é, segundo Baltar, “un dos medios máis eficaces para aproximar poboacións fronteirizas e para o seu desenvolvemento, e temos que estar preparados para cando, dentro duns meses, se abran as convocatorias do periodo 2014-2020, onde haberá unha sensible redución de fondos e programas cada vez máis focalizados, onde as rexións e as provincias deben converterse en auténticos actores do espazo europeo”.

Os relatorios do congreso –organizado polo Inorde- están a cargo de Juan Lirón, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, quen falou sobre “A situación da eurorrexión na Europa 2020”; Ignacio Fernández-Huertas, vogal asesor da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, cun relatorio sobre “Fondos Comunitarios 2014-2020: programación, avaliación e comunicación”, e finalmente Xosé Lago García, subdirector xeral de Acción Exterior da Xunta de Galicia, quen abordará o tema “Dinámicas de cooperación transfronteiriza: tendencias e evolución”.

O peche do congreso, que terá lugar hoxe ás 13.45 horas, contará coa presenza de Jorge Manuel Salgueiro, vicepresidente do Conselho Intermunicipal do Minho-Lima; Joaquim Cracel, do Conselho de Cavado, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

19 de novembro de 2013 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.