O Concello de Vilagarcía persóase como “prexudicado” na causa contra dous policías para ter acceso á información sumarial
O Concello de Vilagarcía persoarase na causa aberta contra dous axentes da Policía Local imputados pola suposta comisión dun delito de cohecho. A persoación solicítase en calidade de “prexudicado” e pola única razón de poder ter acceso á toda a información contida no sumario. Independentemente ao proceso xudicial, conforme ao procedemento administrativo de obrigado cumprimento, o Concello abre expediente aos dous funcionarios pola suposta omisión da tramitación de atestado, sen que isto contradiga o principio da presunción de inocencia ao que se segue apelando.
O avogado do Concello comunicou onte ao Xulgado o interese da administración municipal a persoarse na causa, solicitude que se cursa en calidade de “prexudicado”. Deste xeito, como parte directamente implicada, o letrado poderá acceder á información existente en relación ao caso e que levou ao xuíz a iniciar a causa na que se imputa aos axentes por un suposto delito de cohecho.
O goberno local segue apelando á presunción da inocencia dos axentes, xa que non foron acusados dos feitos que se investiga, senón que, ata o de agora, son simples imputados na causa aberta pola autoridade xudicial. Por esta razón, os dous funcionarios non foron separados so servizo. Non obstante, por propia lóxica e como medida cautelar, os policías deixan de estar asignados ao servizo de patrullas do 092, polo que, namentres non se esclareza o caso, realizarán as súas funcións noutros departamentos policiais onde non teñan que realizar e tramitar atestados. Dentro da investigación interna iniciada, e tal como procede neste caso, ábrese expediente aos dous axentes por unha suposta omisión na tramitación do atestado por un delito contra a seguridade viaria con alcoholemia positiva ao que fai referencia á causa.











