O Concello de Monforte repartirá 30 compostadores para continuar coa campaña de reciclaxe doméstica
A concellería de Medio Ambiente do concello de Monforte distribuirá gratuitamente 30 compostadores domésticos, adquiridos con fondos municipais e destinados exclusivamente a persoas residentes na zona urbana.
O programa de compostaxe doméstica ten como obxectivo a redución e prevención da xeración de residuos, xa que a fracción orgánica (restos de comida) que se orixina nas nosas vivendas costitúe case a metade do contido da nosa bolsa de lixo. Producindo compost reducimos o lixo que se transporta e deposita nos vertedoiros.
O Concello vai abrir un prazo coa finalidade de confeccionar unha lista de persoas que desexen acceder ó programa de compostaxe dos residuos orgánicos e adquirir de maneira gratuíta un compostador doméstico. Tamén instalará unha mesa informativa na rúa do Cardeal na semana do 18 de novembro, nesta mesa levarase a cabo unha campaña informativa sobre a compostaxe e a reciclaxe domésticas.
As persoas interesadas en compostar a materia orgánica procedente dos seus xardíns ou os restos de comida, deberán anotarse na oficina de Medio Ambiente do Concello a partir do xoves día 7 de novembro e ata o día 28 do mesmo mes.
Os modelos de solicitude poden recollerse na propia oficina municipal de Medio Ambiente ou no apartado de áreas municipais (Medio Ambiente) da web www.monfortedelemos.es
As persoas que accedan ó programa de compostaxe deberán asistir a unha charla na que se lles explicará que tipo de restos e materiais se poden depositar nos compostadores, dándolles unhas pautas básicas sobre o proceso a seguir para compostar correctamente.
Os/as participantes neste programa tamén disporán dun servizo de asesoría permanente para resolver as posibles dúbidas que xurdan.
Dende a concellería de Medio Ambiente anímase á cidadanía a reducir, reutilizar e reciclar os residuos e a participar neste programa de compostaxe doméstica, o segundo destas características que pon en marcha despois do desenvolto nos meses de marzo e abril do ano en curso.











