O Concello de Monforte aforrou 58.000 euros en iluminación pública nos nove primeiros meses do ano
O concelleiro de Servizos Municipais, José Luis Rodríguez Rivera, informa sobre o custo e o consumo enerxético da iluminación pública do concello de Monforte, así como sobre as medidas adoptadas pola súa delegación en materia de aforro enerxético.
As medidas postas en marcha pola concellería para lograr o aforro enerxético na iluminación pública afectan tanto ás parroquias rurais como á cidade.
Nas zonas rurais levouse a cabo en consenso coas asociacións veciñais e os pedáneos, sempre e cando foi posible, o apagado de determinados puntos de luz que se consideraron suprimibles por ámbalas partes.
Na zona urbana adoptáronse diferentes medidas, segundo as posibilidades de cada barrio ou rúa:
– Apagado de determinados puntos de luz transformando a distribución dos farois de pareada (nas dúas beirarrúas) a tresbolillo (alternando farois das dúas beirarrúas).
– Apagado de puntos de luz suprimindo unha das fases en líñas trifásicas.
– Supresión da iluminación dunha beirarrúa naquelas rúas onde a altura das luminarias supera os 8 metros e a distribución dos puntos de luz é en forma pareada, xa que a altura dos farois permite alumar as dúas beirarrúas.
Ó mesmo tempo, tanto na zona rural como na urbana procedeuse, na medida do posible, á substitución das lámpadas e equipos existentes por outros de menor potencia, sempre intentando manter o mínimo de iluminación e uniformidade esixido no Regulamento de Eficiencia Enerxética en Instalacións de Alumeado Exterior.
Ademais, procedeuse a axustar as tarifas coa empresa comercializadora segundo a potencia contratada en cada subministro.
A concellería de Servizos Municipais dispón dunha base de datos na que figuran tódalas facturas de cada un dos subministros da iluminación pública emitidas pola empresa comercializadora. Estas facturas sométense a un proceso de estudo e revisión do que se obteñen os datos sobre o consumo enerxético.
Segundo estes datos, podemos valorar o consumo de enerxía e o importe económico dos 219 subministros de iluminación pública dos que dispón o Concello. Os datos dos nove primeiros meses do 2013 e a súa comparación cos do mesmo período do ano 2012 son os seguintes:
Enerxía Consumida (kWh) xaneiro – setembro 2013 ——————- 1.531.886 kWh
Enerxía Consumida (kWh) xaneiro – setembro 2012 ——————– 1.754.918 KWh
Aforro enerxético conseguido en 2013 (%) ———————— 12,71%
Importe total (€) xaneiro – setembro 2013 —————————— 203.792,07 €
Importe total (€) xaneiro – setembro 2012 —————————— 261.857,99 €
Aforro Importe total conseguido en 2013 (%) ——————– 22,17 %
Seguindo esta previsión de aforro do 22,17%, o importe total das facturas dende xaneiro ata decembro do 2013 estímase sobre os 300.000 €. Este dato deberíase poñer en corentena xa que o número de facturas emitidas pola empresa comercializadora varía ostensiblemente dun mes a outro, coa conseguinte variación na porcentaxe de aforro.
Ademais, enfocando o estudo cara os meses finais deste ano, hai que ter en conta a subida do recibo da luz nun 3,1% rexistrada no mes de outubro, polo que a estimación do importe total a finais deste ano sería entre 305.000 – 315.000 €. O importe total do ano 2012 dende xaneiro a decembro foi de 369.270,21 €
A concellería de Servizos Municipais sempre considerou o apagado de puntos de luz como unha solución provisional, centrando os seus esforzos na paulatina redución da potencia das lámpadas onde houbera un maior consumo. No momento en que a redución de enerxía consumida feita por esta substitución de lámpadas se achegue ós obxectivos marcados (30%), procederase a rearmar progresivamente o servizo dos puntos de luz afectados polo apagado.
Cos datos que manexa a concellería de Servizos Municipais podemos afirmar que o gasto nas facturas de iluminación pública reduciuse en 58.000 euros respecto do ano 2012.











