O Concello de Gondomar recibe un novo vehículo para a Policía Local

Novo vehículo policial de Gondomar
Os axentes da Policía Local de Gondomar dispoñen dun novo coche patrulla que custou 31000 euros e que foi posible grazas a unha subvención solicitada polo Concello de Gondomar á Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia. Da contía, a Xunta de Galicia financiou o 80%, mentres que o Concello fixo fronte ao 20% restante.
O Alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, acompañado polo responsable da área, Juan Carlos González, recibiu esta mañá de forma oficial o coche patrulla. O novo vehículo, un Ford Kuga totalmente novo e equipado adquirido nun concesionario Ford do municipio, súmase ao parque móbil municipal e convértese no primeiro vehículo policial que o Concello adquire en propiedade, xa que ata o momento non se contaba con ningún.
Do mesmo modo, tamén se revisará o contrato de rénting do vehículo actual e estudarase a súa posible resolución co consecuente aforro para as arcas municipais.
O concelleiro de seguridade e tráfico, Juan Carlos González Camesella, asegura que “este é o resultado do esforzo que o goberno municipal está a realizar para dotar aos servizos, neste caso a Policía Local, dos mellores medios posibles tanto materiais coma humanos en beneficio dos cidadáns”.











