O Concello de Culleredo lanzará unha “Universidade de Pais” online

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O goberno de Culleredo afánase en ofrecer o máximo de recursos, dentro das súas competencias en materia educativa, aos veciños do municipio. Unha das vertentes que máis se traballa é o apoio aos pais e nais no desenvolvemento da súa acción formativa.

Con esta intención, o Concello organiza a Escola de Nais e Pais, que este curso cumpre 25 anos en funcionamento. O seu obxectivo é propiciar un “intercambio de experiencias” entre os proxenitores que permita “desenvolver estratexias educativas” e “responder ante as situacións” que vaian xurdindo na educación dos fillos, explica a concelleira de Educación de Culleredo, Carmen Varela.

Este programa ten xa aberta a súa inscrición. O seu labor prolongarase dende este mes de novembro ata finais de curso. Pero a Escola de Nais e Pais terá un novidoso complemento este curso en Culleredo. O goberno municipal lanza o proxecto “Super Pais”, unha iniciativa pioneira e innovadora promovida pola Fundación Universidade de Pais, pola que xa recibiu premios.

Trátase dunha aplicación online que permitirá aos pais formarse para o desenvolvemento de competencias nos seus descendentes. Os participantes contarán con titores especializados que poñerán á súa disposición todos os recursos educativos e formativos que necesiten. Ademais, “Super Pais” ofrecerá unha comunidade online para pais e nais. Os proxenitores formarán parte dunha rede colaboradora que servirá para coñecer experiencias, formas de afrontar problemas, e así “xerar unha aprendizaxe común”, apunta Varela.

O equipo de goberno indica que a iniciativa se lanzará de forma inminente. A participación será totalmente gratuíta para os pais e nais de Culleredo. A concelleira aposta por introducir ferramentas innovadoras na formación de competencias para os pais e nais. “A idea é considerar novas formas de participación para o apoio aos proxenitores”, afirma.

Contidos e horarios

O Concello lanza a inscrición á Escola de Nais e Pais con grupos nos catro CEIP (Ría do Burgo, Sofía Casanova, Isaac Díaz Pardo e Tarrío) e no IES Branco Amor. Os horarios da Escola son a primeira hora da tarde, tras o termo das clases, unha hora e media con periodicidade quincenal. Haberá servizo de atención aos nenos dos participantes.

Para apuntarse á Escola é necesario acudir ao departamento municipal de Educación, sito no Pazo de Villa Melania de Vilaboa. O teléfono é 981 661208 e o correo electrónico educación@culleredo.org.

Os contidos a abordar na Escola son variables segundo as idades dos fillos e as propias necesidades que manifesten os participantes. De forma xeral, nas idades de Infantil e Primaria, falaranse de temas como o coñecemento dos fillos, en que educar, estilos educativos, a comunicación ou alternativas aos castigos. En Secundaria, as materias serán a conduta dos adolescentes, estratexias para conversar, resolución de conflitos, como estudar, ou o ocio na adolescencia.

11 de novembro de 2013 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.