publicidade hoxe

O Concello de Ares asumirá a xestión do servizo de auga potable e rede de sumidoiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

O servizo de auga potable e rede de sumidoiros será xestionado directamente polo Concello. Así o acordou o pleno da corporación, reunido esta mañá na sesión ordinaria correspondente a fin de mes, que votou a favor de devolver dito servizo á xestión pública, neste caso da administración local.

Cos votos favorables do equipo de goberno (PSOE) e NAL, a abstención do BNG e o rexeitamento do PP, acordouse levar a cabo a xestión directa unha vez que remate a concesión que viña prestando a empresa Aquagest, isto é no prazo dun mes.

Como explicaron dende o goberno municipal, ao longo destes días quedarán fixadas as condicións do servizo en todos os seus aspectos, que serán levados, á súa vez, á pertinente comisión informativa para coñecemento dos diferentes grupos municipais e ao pleno do vindeiro mes de decembro.

A empresa Aquagest viña prestando o servizo de auga potable de rede de sumidoiros dende 1997.

MANIFESTO POLO DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Así mesmo, e neste caso por unanimidade, o pleno aprobou unha declaración institucional co gallo da recente conmemoración do Día Internacional pola Erradicación da Violencia contra a Muller.

No mesmo, esíxense ás administración competentes que se cumpran a Lei estatal e galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero; que a Xunta resolva as solicitudes de axudas económicas paralizadas dende xuño; que se dote á Administración de Xustiza dos medios humanos e económicos necesarios para atender dun xeito rápido e eficiente todos e cada un dos casos relativos a violencia de xénero; ou que se garanta o cumprimento dunha atención xurídica axeitada, permanente e especializada nesta materia. Ademais, a corporación municipal insta ao Parlamento galego a convocar a Comisión non Permanente de Estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, na que participen diferentes asociación (entre elas, Ve-la Luz), e no prazo máximo dun ano dende a súa constitución se examinen as circunstancias do elevado índice de sobresementos provisionais, a apliación do síndrome de alineación parental nos Xulgados de Violencia contra a Muller, o funcionamento dos Puntos de Encontro Familiar en Galicia, as condicións de elaboración dos informes psicosociais, e os criterios polos que apenas se conceden ordes de afastamento.

Finalmente, o pleno ratificou, coa única abstención do BNG, o convenio colectivo do persoal laboral do Concello, que xa fora consensuado e aprobado polo comité.

28 de novembro de 2013 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.