O Concello da Laracha xa conta con servizo de orientación laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha volve contar co servizo de orientación laboral desde hoxe venres. O propósito fundamental é asesorar e informar a particulares en materia de busca de emprego, así como o desenvolvemento de actividades e accións dirixidas a ese mesmo fin.

A oficina está a disposición de todos os veciños da Laracha no novo edificio administrativo (avenida Fisterra, número 60). A Deputación Provincial da Coruña sufragará integramente os custos do persoal técnico que está a cargo da mesma.

A través deste servizo municipal de orientación laboral, que é complementario ao que se ofrece ao longo de todo o ano na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local, ofrécese todo tipo de asesoramento e información a particulares en materia de busca de emprego, realizando un seguimento personalizado a cada usuario e estando en todo momento en contacto directo coas empresas da zona na procura de atopar postos de traballo vacantes e que se axusten aos criterios de cada individuo.

A cooperación entre o Concello da Laracha e as administracións provincial e autonómica está posibilitando levar a cabo accións dirixidas a tratar de mellorar a empregabilidade dos veciños do municipio. Ademais do acordo alcanzando coa Deputación da Coruña que posibilita prestar este servizo de orientación laboral, as xestións do goberno local coa Xunta de Galicia tamén permitiron realizar no Concello da Laracha cursos de atención sociosanitaria –un está impartíndose actualmente- e de monitor de tempo libre, así como a organización de obradoiros de emprego, estando nestes momentos en marcha o denominado “A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego”.

15 de novembro de 2013 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.