O Concello da Laracha cancelará por completo en 2014 a súa débeda viva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

A Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe venres en sesión extraordinaria do Pleno na que se aprobou por unanimidade dos tres grupos o expediente de modificación de crédito no orzamento xeral municipal en vigor que suporá que os 960.742,84 euros de remanente líquido de tesourería para gastos xerais que deixou a liquidación do exercicio económico do ano pasado se destinen á amortización anticipada da débeda coas entidades bancarias, tal e como establece o artigo 32 da Lei orgánica de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira

José Ramón Martínez Barbeito –que presidiu a sesión tras escusar a non presenza do alcalde-, explicou que o Concello da Laracha contaba con cinco operacións de crédito ás que se acudiu para financiar diversos investimentos en infraestruturas, sendo obxecto desta amortización “as máis gravosas por presentar un tipo de interese máis alto”.

O tenente alcalde avanzou que a débeda viva coas entidades bancarias, que agora ascende a uns 317.000 euros, será cancelada por completo durante o próximo ano. Isto explícase tendo en conta que a amortización anticipada aprobada hoxe xerará un importante crédito para os próximos orzamentos ao reducirse de xeito notable os intereses dos préstamos que xa non deberá asumir o Concello.

Por último, Martínez Barbeito afirmou que a saneada situación económica do Concello da Laracha posibilitará que, no caso de que fose necesario realizar algún axuste ou investimento prioritario nos próximos exercicios, poderíase acudir a unha nova operación de préstamo.

8 de novembro de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.